
En apenas un ano practicando xa demostrou ter aptitudes para o tiro con arco, logrando o seu primeiro campionato galego con só 12 anos.

Emma García Pérez, de Larouco, decidía probar nunha das xornadas de portas abertas organizadas polo Club Arqueiros do Sil da Rúa, e dende entón, sempre guiada pola presidenta Cristina Delgado, xa non o deixaba. “Leva moi pouco tempo, adestrando dous días á semana e competindo aínda menos”, di a nai de Emma, asegurando que a da pasada fin de semana (sábado 14 de decembro) era a terceira competición á que ía proclamándose campioa galega Sub15 en arco recurvo feminino, no campionato celebrado en O Mosteiro, Meis (Pontevedra).

Un resultado para sentirse orgullosos, sobre todo tendo en conta que empezaba dun xeito amateur. “Non pensamos que fora a competir pero a presidenta do club é quen a anima e está aí, apoiando sempre di, a nai de Emma, destacando que “estaba moi animada e fomos a por todas, competindo contra as arqueiras do Club Narón que levan xa tempo competindo. A final foi moi reñida pero Emma está súper motivada e gústalle moito”.

Nesa mesma competición, Sandra Acevedo, do club ArcoBarco, coroábase campioa galega na modalidade de arco composto, mentres que Cristina Delgado, de Arqueiros do Sil, facíase co subcampionato. Tres medallas para tres mulleres valdeorresas nunha interesante competición.