Moito máis que un festival ao uso, o SilFest Valdeorras que este ano celebra a 9ª edición ofrece un completo programa para todas as idades e gustos, coa música como base pero que inclúe catas, showcookings, obradoiros e ata conferencias.
O recinto á beira do río Sil, no Malecón do Barco, abrirá as portas mañá ás 18:30 horas, pero na tarde deste xoves, 3 de xullo, o foco estaba no Teatro Lauro Olmo onde a psicóloga, sexóloga e cantante Emma Placer analizaba nunha charla musical, como tratan ás relacións afectivas as baladas.

Baixo o título Lo que suena bien, no siempre es amor e coa colaboración do Concello do Barco, Emma falou, inerpretou e tamén cantou, sobre as relacións, aportando ferramentas para previr a dependencia emocional e a violencia de xénero.
Trátase dunha iniciativa que forma parte do Pacto de Estado contra a violencia de xénero que Emma leva espallado por diferentes partes de España “pero é a primeira vez que imparto esta charla en Galicia e faime moitísima ilusión que sexa no Barco, onde teño a miña casa”, dixo a oradora diante do público, pedindo un aplauso para o SilFest e o seu director e amigo, Jorge Álvarez. Tamén saudaba ao concelleiro de Servizos Sociais do Barco, Orlando Saavedra, que subía ao escenario para darlle a benvida.
De seguido comezaba a charla na que Emma fixo un repaso pola historia de cancións e xéneros musicais nos que a muller non sae moi ben parada, ben sexa ópera, copla ou pop, nomeando a cantantes como Isabel Pantoja ou Shakira.
O amor é un dos temas por excelencia das cancións pero, ¿que imaxe de relación afectiva transmiten? ¿Falan dunha relación sa ou dun relación tóxica centrada no dominio e o poder? ¿Como inflúen os temas musicais na forma que temos de construír as relacións de parella? ¿E na violencia de xénero? De todo isto e moito máis falou hoxe Emma Placer, interactuando e xogando tamén co público ao que deleitaba interpretando algunhas baladas.
O programa gratuíto do SilFest Valdeorras continúa esta noite co concerto de Mrs. Fine na praza Maior do Barco a partir das 23 horas.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.