ConcellosO BarcoÚltima hora

Emotiva e fermosa despedida a “Pepe do Meiral” no Barco

Imaxe cedida.

 

Pouco antes das sete desta tarde deste 10 de agosto, familiares, compañeiros, amigos e veciños dábanlle o seu último adeus a Xoán Xosé Rodríguez Rodríguez, coñecido como “Pepe do Meiral”, no Tanatorio Santa Rita do Barco.

Ao seu carón facíaselle unha pequena, pero emotiva e sentida homenaxe. No seu decurso, o concelleiro do BNG do Barco, Manuel Agra, lía un texto na súa memoria, lembrando a súa activa e incansable militancia neste partido deste barquense, falecido o 9 de agosto, que era moi coñecido e querido no municipio.

O texto que lía Manuel Agra é o seguinte:

“Para os que o coñecemos nos últimos anos, era Xoán ou Xoán Xosé; para os que o coñecían de toda a vida, era “Pepe do Meiral”; para os que non o coñecían, era “o señor da gorra”. Nomeado de calquera maneira, era unha persoa discreta, humilde, cariñosa e solidaria. Desde moi neno, el e a súa nai sufriron a represión franquista, converténdose Xoán nun loitador incansable polas liberdades dos pobos.

 

 

Foto cedida polo BNG do Barco.

 

Comprometido politicamente co BNG, Xoán Xosé era un traballador incansable: discretamente, como dixemos antes, asistiu ao todo tipo de actos, ofrecendo incansablemente a súa colaboración: sempre disposto a ir nas listas electorais, a exercer de apoderado nas mesas, colaborando nas pegadas de carteis, asistindo a mitins e todo tipo de actos, repartos nas electorais, etc., etc., etc…. Asistente permanente aos Días da Patria en Compostela, á Festa do Avante do PCP e aos plenos do Concello do Barco. Sempre os concelleiros e concelleiras do BNG tivemos o apoio de Xoán Xosé no salón de plenos. Nada do que tivese que ver coa coa loita do pobo e dos pobos lle era alleo a Pepe do Meiral.

O noso compañeiro, deixa un enorme baleiro, pero quédanos a todos e a todas o exemplo do seu traballo, da súa solidariedade e do seu compromiso co Barco, con Valdeorras e con Galiza. Sen dúbida, as coñecidas palabras do himno de “bo e xeneroso” están pensadas para persoas como Xoán.

A mellor homenaxe que lle podemos facer é seguir o seu exemplo de compromiso no día a día.

Que a terra che sexa leve, Xoán, Xoán Xosé, Pepe do Meiral ou señor da gorra”.

  

Back to top button