Mediado xa o mes de xuño, unha vez superada a PAU que se celebra no IES Cosme López Rodríguez da Rúa, era a quenda da despedida para o alumnado de FP.
Na xornada do mércores 18 de xuño celebrábase a graduación da promoción 2023-2025 do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes. Un acto no que o alumnado ocupou o lugar central, “os nosos rapaces e a nosa rapaza que, ao longo de dous cursos, foron aprendendo moito máis que informática”, din dende o centro destacando que “aprenderon a traballar en equipo, a resolver problemas… e tamén a manter a calma cando algo non compila, cando as cousas non saen ben á primeira”.
Como en toda despedida, houbo emoción, discursos sinceros por parte do profesorado e momentos de complicidade compartida. “Tamén houbo referencias aos scripts -que ao comezo soaban a algo misterioso e hoxe xa forman parte da súa linguaxe diaria- e ás xa clásicas máquinas virtuais que non tiran. Risas, apertas e miradas cómplices puxeron o broche perfecto a dous anos intensos”, destacan dende o centro.

Por parte do profesorado destacaron o “compromiso, esforzo e evolución de todo o alumnado”, animándoos sempre a seguir adiante, así como a importancia do apoio das familias, que acompañaron o proceso desde fóra e estiveron presentes tamén no acto, enchendo de orgullo e emoción a celebración.
Tras a entrega de diplomas, discursos e apertas, remataban a xornada “cun picoteo que fixo as delicias de todos e todas porque, se algo sabemos neste instituto, é que os momentos compartidos celébranse mellor con empanada e refrescos”, din entre risas, adiantando que agora comeza unha nova etapa para estes estudantes. “Algúns seguirán formándose, outros entrarán no mundo laboral, e outros, simplemente, descubrirán que na vida tamén hai pantallazos azuis… pero que todo se pode reiniciar. A promoción 23-25 marcha cunha mochila chea de coñecementos técnicos, pero tamén cunha aprendizaxe vital que lles acompañará sempre: o valor de facer as cousas ben, paso a paso, e coa cabeza fría (incluso cando todo falla)”, conclúen dende o IES Cosme López Rodríguez.