Moita emoción a que se viviu este fin de semana no concello de Ribas de Sil, que homenaxeou ao veciño de 92 anos Xavier Rodríguez Situela, noutro tempo cura de Matarrosa na conca mineira berciana.
Un salón de actos cheo de amigos, familiares e responsables políticos, aos que se uniron desde Barcelona a autora do libro Camiño Negro, Luisa Picardo, e desde Xaén o director da película do mesmo nome, Luisje Moyano. Logo de que o concelleiro de Cultura, Luis Fernández, presentase aos convidados, puidemos ver con emoción a película, onde contemplamos a Xavier Rodríguez, na década dos 60, defendendo valores de xustiza e democracia xunto aos mineiros, e arriscando a vida, como se mostra no filme: cando é apuntado na tempa cunha pistola dos falanxistas ou cando intentan atropelalo cun vehículo nun dos camiños daqueles lugares onde exercía como sacerdote.

O aplauso, desde o corazón e entre bágoas por parte do público, emocionou fondamente a Javier.
O alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, entregoulle unha placa que proximamente será colocada na súa casa natal, e que sinala o agradecemento do seu concello pola valentía e defensa da democracia en momentos tan complexos.
As palabras de resposta de Javier eran “Grazas, grazas, grazas”, indicando que se sente agradecido á vida e a todas as persoas que ao longo dela apareceron no seu camiño.
Hoxe, secularizado e con familia, continúa sentindo no Evanxeo unha guía para vivir. Ese sacerdote que aínda leva dentro finalizou o acto lembrando aos asistentes que, se buscan a Cristo no Nadal, non o busquen nun centro comercial nin nun lugar cheo de luces, porque seguramente estará nunha patera.
Fotos cedidas.
