EconomíaEconomíaÚltima hora

En marcha a campaña “Merca no teu comercio”, que recalará no Barco e Trives, entre outros 9 concellos ourensáns

As accións de dinamización realizaranse entre os meses de maio e outubro e enmárcanse na colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación e dinamización do sector

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe na presentación da campaña Merca no teu comercio 2026, posta en marcha pola Xunta e pola Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais galegos e nos barrios sen asociación comercial, como é o caso  das asociacións de comerciantes locais e os concellos do Barco de Valdeorras, A Pobra de Trives, Xinzo de Limia, Ribadavia, Verín, O Carballiño, Allariz, O Castro de Caldelas e Maceda. No acto tamén estivo presente a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.

A iniciativa desenvolverase nas catro provincias galegas con 10 campañas de 15 días de duración en cada unha delas, que rematarán coas correspondentes entregas de premios. As accións de dinamización realizaranse entre os meses de maio e outubro e enmárcanse na colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación e dinamización do sector. “Con esta campaña, a Xunta busca reactivar o consumo e achegar ao consumidor os establecementos locais, poñendo en valor o comercio de proximidade ourensán”; sinalou o delegado territorial.

 

 

As persoas consumidoras da provincia de Ourense que queiran participar na iniciativa deberán rexistrar a súa compra a través da páxina web www.mercanoteucomercio.com. Tamén poderá ser rexistrada polo comerciante na mesma plataforma, duplicando deste xeito a participación do consumidor e incrementando as posibilidades de gañar unha das 20 tarxetas prepago por valor de 50 euros que se sortearán en cada unha das campañas. Unhas tarxetas que logo poderán ser canxeadas nos establecementos comerciais das respectivas localidades.

Primeiras campañas

Durante a presentación da campaña, o delegado territorial salientou a importancia de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o futuro dos negocios promovendo a remuda xeracional. Concretou que a primeira campaña da iniciativa se desenvolverá entre o 1 e o 15 de maio no barrio ourensán do Couto, no que o sorteo de tarxetas prepago terá lugar o 18 de maio e as entregas de premios serán a final de mes.

 

Back to top button