A Deputación inicia a campaña Ourense sobre rODaS!, que achegará os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a concellos e centros educativos da provincia, no marco do proxecto OU DS Axenda 2030 – financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
O deputado provincial de Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030, Jorge Pumar, participaba hoxe no inicio da campaña de difusión do proxecto que tivo lugar esta mañá no Carballiño, onde a través dunha caseta deuse a coñecer entre os visitantes os detalles do proxecto e os temas vinculados aos ODS en materia de saúde, educación, igualdade, deporte, entre outras.
Esta campaña permitirá achegar os ODS a 12 concellos e 18 centros escolares, difundindo e sensibilizando á poboación ourensá co desenvolvemento sostible. Nos centros escolares dos 18 concellos participantes haberá actividades dirixidas ao alumnado de infantil e primaria e, entre os maiores, promoverase a importancia de coidar o medio ambiente e a natureza, temas asociados ás metas 13, 14 e 15 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030, mentres que os máis pequenos poderán gozar de fantásticos conta contos.
Próximas datas para sumarse a “ODS como unha seda”
Todos os ourensáns poden sumarse á xira “ODS como unha seda” visitando a caseta informativa nas próximas feiras de Trives (17 setembro), Verín (23 setembro), Celanova (26 setembro), Xinzo de Limia (27 setembro), Maceda (4 outubro), O Barco de Valdeorras (6 outubro), Allariz (12 outubro), Viana do Bolo (14 outubro) e Bande (15 outubro).
A campaña de difusión e comunicación comeza hoxe despois de que a institución provincial e os municipios ourensáns participantes no mesmo, finalizasen no pasado mes de agosto, a fase de diagnóstico na que se mantiveron reunións con responsables políticos e técnicos para analizar a realidade local e a súa contribución aos ODS 2030.