Un ano máis e xa van tres, ponse en marcha “Un verán en acción”, o campamento multideportivo que se desenvolve no colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras, o único que comeza en xuño, nada máis rematar as clases ,e que non rematará ata o 31 de xullo, en horario de 10 a 13 ou de 9 a 14 horas “para as familias que o necesiten para a súa conciliación familiar”.
Na primeira xornada, na mañá deste caluroso luns 22 de xuño, atopamos aos nenos na zona verde do Chao, aproveitando o fresco para a primeira toma de contacto e celebrar algunhas das actividades. Alí, o respondable do campamento, André Faria, explica a sorpresa pola alta demanda. “O ano pasado subimos o número de prazas e este ano volvimos subir ata as 80, é unha pasada”, di.
O propio André explica que o campamento nacía hai tres anos como unha alternativa para o verán para os nenos do colexio, para conciliar ás familias e “falamos de ter entre 30 e 40 nenos para arrincar e xa foi espectacular co cal o ano pasado duplicáronse as matrículas e este ano xa nos fomos ás 80”, cubrindo practicamente a totalidade das familias do colexio que o precisan ademais dun 20% de nenos alleos. “Xente de fóra que veranea no Barco e tamén doutros colexios”.

Cada vez van a máis, buscando o que ofrecen, natureza, lecer, fuxir das pantallas e das aulas pero tamén aprender. “É un campamento que vai máis alá de pintar, multideportivo pero que sobre todo interactúa cos profesores, xa que ao final os oito monitores cos que contamos son profesores ou teñen formación en Educación Infantil, cos que aprenden reglas, máis alá da típica colchoneta na que non hai este tipo de aprendizaxe”, explica Faria, destacando que tamén contan con profesionais do Tafad, porque lles gusta que os nenos fagan deporte.
De forma complementaria, contarán cada semana con representantes dos diferentes clubs da vila. Dende o de voleibol, fútbol ou tiro con arco, ata o de baloncesto, ioga e mesmo petanca. “Cada semana abordaremos un deporte, sempre con profesionais, colaborando coas Escolas Deportivas Municipais, para que os nenos fagan deporte e cando comece o curso poidan decantarse por algún dos que hai”.
Fotos: Mónica G. Bellver.

