Tal como avanzan dende o Concello da Pobra de Trives, veñen de comezar os traballos de limpeza na ponte sobre o río Bibei, “unha actuación pendente desde hai anos e que por fin se fai realidade, grazas ás reiteradas xestións e demandas”, aseguran, explicando que a alcaldesa, Patricia Domínguez, e o concelleiro Fermín Santoveña “acudiron e contactaron en múltiples ocasións á Delegación Territorial de Infraestruturas da Xunta de Galicia -administración competente- para reclamar esta intervención, imprescindible tanto para a conservación da infraestrutura como para a súa seguridade”.

“Tras a obtención do permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e despois de anos de solicitudes repetidas, os traballos xa están en marcha, dando resposta a unha demanda histórica do municipio”, indican dende o Concello que tamén solicitara a limpeza e adecuación do miradoiro situado na mesma zona, unha infraestrutura que igualmente depende da Delegación Territorial de Infraestruturas da Xunta. “Esta actuación foi finalmente realizada nos últimos días, arranxándoo e repoñendo as varandas en mal estado”.
