Ao son da Banda de Gaitas da Veiga poñíase en marcha a quinta edición de “Crianza Trevinca. Exposición agrogandeira de Trevinca” na zona do Coiñedo, na Veiga. Multitude de persoas dábanse cita xa na apertura deste certame, que se desenvolverá ao longo da fin de semana (4 e 5 de outubro) con máis diversas propostas poñendo en foco no agro e na gandeiría: exhibición de cans de pastoreo, de actividade agro-forestais, charlas sobre aproveitamento agrícola con arandos, demostración de uso e funcionalidades de GPS e Valado Virtual, degustacións, catas comentadas…
E, por suposto, con exposicións continuas de gando bovino, equipo, caprino, ovino e demais razas autóctonas de Galicia, xunto cunha mostra de maquinaria, stands informativos de Boaga e de produtores agrícolos locais. Ademais hai unha mostra de produtos agroalimentarios locais e de artesanía, xunto con actividades infantís e, xa pola noite, ás 20:30h. deste sábado un concerto de Xisco Feijóo na praza do Toural.

O acto inaugural da mostra tiña lugar pasadas as 12h. deste 4 de outubro cunha notable asistencia de público. Durante o mesmo, o alcalde da Veiga, Juan Anta, dedicáballe unhas palabras aos “gandeiros e protagonistas desta feira”. Dicía o rexedor que “este ano tiñamos máis motivos que nunca para facer a feira porque os incendios, como calquera episodio dramático, demostra que cando os veciños se xunta, que cando os gandeiros están aí, ademais das administracións, os problemas resólvenos. Aos gandeiros e agricultores hai que agradecerlles todo o que nos ensinaron, todo o esforzo que fixeron, a súa tradición, esa era a esencia desta feira. E eses gandeiros que nestes incendios sempre apoiaron con solidariedade e axudando, así que os gandeiros son o exemplo que temos que escoitar e agradecer 365 días ao ano e non cando exista só unha calamidade. Grazas a eles conservamos todas estas tradiciónse grazas a elas é posible esta feira”.
Ademais agradecía o apoio das institucións, con referencia explítica á Deputación de Ourense e á Xunta, para poder levar adiante proxecto. Tamén facía mención aos representantes dos concellos presentes na feira, cunha alusión especial aos de Vilariño, Viana e O Bolo “porque eles tamén sufriron esa desgraza dunha maneira moi importante”.

Anta explicaba que o sentido de “Crianza Trevinca” é que “os fillos e os netos se sintan moi orgullosos de todo isto, para que os avós se sintan emocionados ao ver todo isto, para que non esquezamos de onde vimos e o que somos, ten sentido para que vexamos o futuro dunha maneira optimista e para que toda Galicia saiba que alta montaña ten a súa propia voz e a nosa maneira de entender a vida, porque esta é a mellor escola que temos”.
Finalmente expresaba o seu agradecemento a todas as persoas que participaban e colaboran na organización deste evento , a toda a xente que fai posible Crianza Trevinca, e ao persoal encargado da organización. E anunciaba que a vindeira edición desta feira terá lugar na primeira fin de semana de outubro do 2026.

Nesta inauguración, o alcalde estaba acompañado por diferentes autoridades, entre elas Paz Rodríguez Ribeira, directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); o deputado provincial de Representación Institucional. Rosendo Fernández; así como diferentes alcaldes da contorna e concelleiros da contorna.
A directora do Agader destacaba que esta mostra evidencia que “somos capaces de poñer en valor e de desfrutar poñendo en valor o noso rural. Temos que estar moi orgullosos da nosa identidade e así con feiras deste estilo é como o realmente o demostramos”. Tamén comentaba que esta feira constitúe xa na súa quinta edición un referente “en toda a comarca e en Galicia”.

Rodríguez Ribeira aseguraba que “o rural é a nosa identidade e é o potencial que temos para sacar adiante toda a nosa industria tanto agroalimentaria como gandeira, como de todo tipo, somos a base territorial de toda Galicia. Por iso nós apoiamos ao sector, á innovación, ás explotacións familiares, ás incorporacións de mozos, as infraestruturas rurais, todo para que poidamos ter un rural galego e mellor”. Ademais agradecía o esforzo dos organizadores da mostra e a súa ilusión.
Rosendo Fernández, deputado provincial e presidente do Inorde, lembraba a colaboración deste organismo co Concello na organización desta feira, “o mesmo que a Xunta porque cando as institucións colaboran e cooperan, os obxectivos se acadan moito máis facilmente e ademais dunha maneira máis eficiente. Niso estamos e niso nos temos que comprometer as institucións” e convida a desfrutar desta feira agrogandeira.
Fotos: Carlos G. Hervella.


