
O programa FOADOM, impulsado pola Fundación María José Jove e a Xunta de Galicia, desenvolverá ao longo deste ano a súa segunda edición atendendo a persoas de polo menos 10 concellos rurais das provincias de Ourense e Lugo, reforzando así a súa aposta pola inserción laboral de mulleres con cargas familiares en zonas con alta dispersión xeográfica.
Esta nova convocatoria permitirá achegar a formación profesional no ámbito da axuda a domicilio a municipios do rural galego que presentan unha elevada demanda de servizos de atención e coidados. Con esta iniciativa, trátase por tanto de facilitar a conciliación e eliminar barreiras de desprazamento.
Neste sentido, o programa acaba de arrincar con 23 participantes, de entre 28 e 56 anos, das localidades ourensás de Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Petín. Ao longo de 2026, FOADOM continuará o seu desenvolvemento ampliando o seu alcance territorial ata formar a persoas de polo menos 10 municipios rurais das provincias de Ourense e Lugo. Así, a programación prevista inclúe xa actuacións en marzo e abril na provincia ourensá, nas zonas do Bolo e Bande, respectivamente; co obxectivo de que a iniciativa tamén poida chegar á provincia de Lugo entre os meses de maio e setembro.

Resultados da primeira edición
Na súa primeira edición, FOADOM contou coa participación de 85 persoas, residentes tamén en municipios rurais das provincias de Ourense e Lugo. Grazas a este programa, xa dispoñen dunha titulación homologada en axuda a domicilio, o que lles permite incorporarse profesionalmente a este ámbito.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), no ano 2023, Lugo e Ourense rexistraban 14.792 e 11.432 persoas dependentes, respectivamente, o que evidencia a elevada demanda de servizos de atención e coidados no rural galego.
“FOADOM destaca polo seu enfoque de proximidade, xa que as sesións formativas desenvólvense de forma presencial nos propios concellos onde residen as participantes, favorecendo a conciliación familiar e promovendo a igualdade de oportunidades. Nesta liña, articúlase a través dun curso gratuíto, orientado a fomentar a autonomía laboral, social e persoal das participantes. Ademais, o programa permitiu exercer unha función de intermediación con entidades e servizos de axuda a domicilio, contribuíndo a mellorar os recursos de atención social nestas áreas”, segundo a fundación.
As sesións formativas inclúen o curso homologado de “Hixiene e atención socio sanitaria a persoas dependentes”, cunha duración de 70 horas, impartido en formato intensivo para grupos de ata 15 persoas por agrupación de concellos.
Este ano, como novidade, tamén se desenvolverá o curso de 70 horas “Mobilización básica e primeiros auxilios en persoas dependentes”. Tras a celebración destes ciclos formativos, realizarase un seguimento personalizado, ofrecendo apoio, orientación e asesoramento en mediación laboral.
FOADOM está impulsado pola Fundación María José Jove e cofinanciado pola Xunta de Galicia a través das axudas do 0,7% da Dirección Xeral de Inclusión Social, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade.