CulturaCulturaÚltima hora

Encontro poético musical en Petín coa asociación cultural Nadel e a banda Mario Colomán & The Clocks Band

 

Coa gala celebrada na tarde do sábado 20 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, abríase unha fin de semana poética e musical arredor de Florencio Delgado Gurriarán cunha nova no mediodía deste domingo 21 de setembro en Petín.

Na praza Doutor Quiroga celebrábase un peculiar encontro poético musical ao que acudirán finalistas e membros do xurado do Premio e no que se estreaba Nadel, unha nova asociación cultural valdeorresa que aposta por “darlle voltas á cultura, activar a memoria, acompañar procesos e sementar futuro en galego, sen espiñas”, tal como explican os seus responsables, Ana Rosa, Jorge Moral, Rubén Alvariño e Iria Vila.

 

 

Todos eles levan tempo desenvolvendo iniciativas culturais na comarca e varios dos membros colaboran dende  hai tempo coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán en diferentes actividades como as Florenciadas ou os roteiros, amosando moita creatividade para socializar a poesía. En Petín, presentaron unha proposta lúdica na que regalaron imáns con versos de poemas gañadores dos sucesivos Premios de Poesía Florencio Delgado Gurriarán a todo aquel que acertara preguntas sobre autores e autoras da comarca, unha iniciativa que xa desenvolvían a comezos de setembro no marco da Feira de Produtos Tradicionais de Eixo Atlántico, na praia fluvial do Malecón, no Barco.

De forma conxunta, na mesma praza de Petín actuaba o grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que conta cun repertorio propio de temas en galego.

Fotos cedidas.

Back to top button