O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, recibía este mediodía en San Vicente Leira, un dos núcleos máis afectados polo lume no municipio, a visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que estaba acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, entre outras autoridades.
O alcalde de Vilamartín, visiblemente afectado e emocionado aínda polo vivido, explicáballes a situación e as principais necesidades que presenta agora o municipio. Ademais agradecía esta visita porque iso permitiralles “ver a inmensidade do desastre que se produciu nesta localidade de San Vicente, pero outras afectadas como Cernego. Grazas por estar atentos a todas as miñas demandas e sei que lle van a transmitir todo o que lles estou comentando a quen corresponda para que consigamos levantar o pobo na medida do posible”.

Así mesmo, o rexedor expresaba o seu agradecemento ao tenente do Exército de Terra presente en San Vicente “porque no momento en que chegaron puxeron a dispor todos os seus servizos e comezaron a facer a limpeza das rúas para que a xente poida achegarse ata as súas casas, aínda que só sexa para chorar . E grazas tamén ao resto de alcaldes e concelleiros”.
Para o rexedor vilamartinés agora é “momento de buscar solucións ao que pasou para que non volva suceder e, se nos xuntamos todos, estou seguro de que imos ser capaces de conseguilo. Comentáballe ao delegado de que hai que perder algúns para que o pobo poida ganar. É posible que se arriba empeza a reinar o sentido común, e refírome sobre todo aos dous grandes partidos, tamén acompañados dos outros, a que sexan capaces de sentarse nunha mesa e atallar isto que é un problema que se vén para o futuro. O cambio climático está aí e os lumes que se producen, unha vez que se descontrolan son practicamente imposibles de atallar de por si. E iso pode facerse unicamente se os políticos se poñen de acordo”.

Enrique Álvarez tamén explicaba que agora mesmo o máis urxente no seu municipio é facilitar a accesibilidade ás casas, “e o segundo, estamos en contacto co CECOP, para que nos manden algún tipo de maquinaria rápida coa intención de que se poidan protexer os pobos pola parte de arriba, tendo en conta de que dentro de pouco pode empezar a chover e necesítase algún tipo de pista ou un caldeirón que retire esas augas. Ademais hai que facer valoracións técnicas que faciliten a posibilidade de que ríos como o Leira se poidan atallar, haberá que ver como, para evitar que a auga non chegue con forza ao Mazo e a Rodeleira, que se a enchenta é moi grande pode levar casas por diante”.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sinalaba que esta visita busca precisamente coñecer a realidade deste desastre e saber, in situ, cales son agora mesmo as necesidades das zonas afectadas. “Se algo podemos sacar disto son experiencias e ensinanzas, experiencias de que temos que traballar conxuntamente, temos que estar ao lado das persoas, das súas casas, e isto, como dicía o alcalde, isto é algo que non se pode volver a repetir”. Ademais incidía en que o cambio climático incrementa este tipo de fenómenos e que o Goberno de España “está comprometido nun Pacto de Estado contra a emerxencia climática”.

Así mesmo, Pedro Blanco indicaba que “agora tócanos a segunda parte, que é tratar de axudar a estas persoas que perderon os seus bens, os seus medios de traballo ou empresas, e nesa parte temos que escoitar necesariamente aos alcaldes, tal e como nos comenta o alcalde de Vilamartín. Só estando aquí nos damos conta como nese tipo de ladeiras, de montes, quedamos sen ningún tipo de vexetación que pare as choivas”. Ademais, agradecía o seu labor á UME e tamén ao exército, “que está sempre que se lle pide e dando máis, incluso, do que se lle pide”.
Blanco dicía ademais que tomaba nota das demandas do alcalde do que se necesita. “E, a través da Subdelegación, insistir ao CECOP a que nos doten os medios que nos fan falta”.
Fotos: Carlos G. Hervella.