“Queridos veciños e veciñas, hoxe despois de 13 anos no cargo de alcalde no Concello de Vilamartín, ademais doutros dous como concelleiro, fálovos por último vez como alcalde e fágoo cunha mestura de emocións para poñer punto final a unha etapa moi intensa, esixente e complexa que marcou profundamente a miña vida”, así comezaba a súa última intervención Enrique Álvarez Barreiro na sesión extraordinaria do pleno de Vilamartín, que tiña lugar ás 10h. deste 8 de xuño. Nela dábase conta da renuncia do ata agora rexedor deste municipio valdeorrés e nela asumía o cargo como alcaldesa en función a ata de agora tenente de alcalde vilamartinesa, Sherezade Núñez.
Arroupado por veciños e tamén por membros da súa familia, Álvarez Barreiro despedíase cunha emotiva intervención, por momentos interrompida polas bágoas. Nela lembraba que asumía “a responsabilidade de ser o voso alcalde cunha serie de ideas e coa ilusión de servir ao meu concello e traballar por cada pobo, por cada veciño, tanto se me votara como se non. Mirando cara atrás, podo dicir que cumprín os meus obxectivos, superamos momentos durísimos, como a pandemia, os incendios do verán pasado que foron tremendos, outros inesquecibles como cando se celebraron en Córgomo as Letras Galegas”.
Facía ao mesmo tempo un repaso pola súa xestión á fronte do Concello de Vilamartín. “Nestes anos, melloramos os servizos de alumeado, traída de auga, así como os accesos ás rúas das aldeas”. Aseguraba que “foron moitos proxectos acabados, moitos que están en marcha aínda e outros moitos que quedan esbozados, queda marcada unha liña que entendemos que se vai a continuar. Afrontamos desafíos económicos, sociais, medioambientais, pero os maiores logros do municipio acadáronse grazas ao esforzo, a unión e a xenerosidade que demostrou e demostra a nosa xente, a través dos grupos de voluntarios, do equipo de Protección Civil e das distintas asociacións que dinamizan a vida dos pobos. Ás asociacións estoulles moi agradecido, foi un gusto traballar con todas elas, aínda que tivemos complicados e difíciles. Cando chegamos había moi poucas asociacións e case ningunha delas traballaba, e ao final, esas entidades fixeron un traballo impresionante nestes anos”.

O xa ex alcalde de Vilamartín aseguraba que no tempo que estivo no cargo entendeu que “a política non vai de siglas, non, nin de cores, vai de persoas, vai de veciños. O que menos lle importou o veciño era se era roxo ou azul, importáballe que estiveras, por iso aos que vides detrás, esa é unha teima que ten que ser así. Os veciños, dun concello pequeno como é o noso, o que queren é ternos aí”.
E resaltaba que se vai coa satisfacción de “ter estado sempre dispoñible, coa satisfacción de ter gobernado con honestidade, dedicación e respecto cara todos. Sei que quedan cousas por facer e que houbo decisións que puideron tomarse doutro xeito, pero sempre tiven a vontade de servir aos intereses deste municipio”.
Así mesmo, na súa intervención había un capítulo de gradecementos “ás persoas que me acompañastedes neste longo camiño, lembrando a compañeiros falecidos, como Jose Luis e Juanín. Grazas aos empregados do Concello, o seu traballo é fundamental, ás veciñas e veciños que me elexístedes e apoiastes, e moi especialmente grazas á miña familia”.

E, tamén expresaba unha petición, “pídovos que recibades á nova Corporación co mesmo respecto e a mesma colaboración que sempre me déstedes a min”. Finalmente, concluía sinalando que “gobernar Vilamartín é un privilexio, pero tamén unha gran responsabilidade. Foi unha gran honra representar ao noso concello, á súa xente e estaredes sempre no meu corazón, nas miñas lembranzas, moitas grazas e ata sempre. Viva Vilamartín e os pobos de Vilamartín!”.
A partir de aí estalaban os aplausos e a emoción contida entre os asistentes. Na sesión tamén interviña a alcaldesa en funcións de Vilamartín, quen expresaba a conmoción vivida no municipio nestes días e poñía en valor o legado de Enrique Álvarez, adiantando que “imos continuar perpetuándoo ata onde nos deixen os veciños e seguir a súa estela ata onde poidamos”.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
