CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Enrique Fernández Prada: “Esta exposición é unha viaxe non só pictórica senón tamén vital”

O artista barquense expón a súa colección 'Dende a emoción' no Casino do Barco ata o 29 de outubro

 

Case un ano despois da exposición sobre os seus inicios que en novembro de 2021 presentaba na Casa Tomada (O Barco) e tras ter participado na mostra colectiva M.A.R.C.O. en Petín, o artista barquense Enrique Fernández Prada volve ao Barco de Valdeorras para presentar a súa segunda exposición individual ‘Dende a emoción’.

A inauguración da mostra na que pode verse unha mistura da idea do mundo interior (a fiestra, os seres queridos, os autorretratos,…) e a realidade do lugar onde habita actualmente, O Barco, tiña lugar na tarde deste venres 14 de outubro no segundo andar do Casino, onde permanecerá ata o 29 deste mesmo mes.

 

O artista Enrique Fernández Prada na inauguración da exposición.

 

“É un percorrido psicolóxico pero ao mesmo tempo cargado de cor e vivacidade, con moita ilusión polo que está por vir”, aseguraba o propio artista no acto no que estivo acompañado por amigos, familiares e veciños. Entre eles Nito Martínez, un dos promotores da exposición e Pablo Dobao, presidente do Casino que, con esta mostra, reafirma a aposta da sociedade pola cultura e pola xente da vila.

O encargado de presentar ao artista era José Luis Tamayo quen aseguraba que Enrique é “un xove pintor que está definindo a súa liña, a súa personalidade e a súa traxectoria, partindo dun trazo aparentemente inxenuo pero intenso e métodico”.

 

 

Enrique, pola súa banda, daba as grazas aos asistentes así como a Nito e ao Casino por ceder as instalacións “un marco perfecto para expoñer as obras”, dixo, incidindo no que amosan os cadros expostos. “É unha viaxe pero non só pictórica senón tamén vital, na que fago un percorrido ao longo do tempo, con personaxes tanto imaxinarios como realistas pero sempre acompañado dos seres queridos (os meus avós, o meu can, sobriños) que marcan unha nova dirección cara onde quero ir e atoparme no lugar de orixe que é o Barco”, dixo, asegurando que “estou moi emocionado por expoñer aquí porque amoso non só como son como pintor se non como persoa e como quero ser”.

Un total de 22 cadros de diferentes tamaños pensados para ver de esquerda a dereita, que poden visitarse (e mercarse) os xoves, venres e sábados de 19 a 21 horas.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button