ConcellosEn portadaEntroido 2026O BarcoÚltima horaVídeos

Enterro da Sardiña, coplas satíricas e o Meco entre as chamas, na despedida do Entroido no Barco

 

Aínda que o vento arreciaba e a chuvia aparecía como convidada non desexada, O Barco cumpría coa tradición e celebraba o seu Enterro da Sardiña pasadas as oito da tarde deste Mércores de Cinsa. A veciñanza, moita dela ataviada con prendas enloitadas propias dun funeral, congregábase na praza Maior da vila para participar nesta celebración satírica coa que conclúe o Entroido nesta localidade valdeorresa.

 

 

 

O Meco era levado en procesión co Meco pola zona vella, con acendido de candeas, os choros e co indispensable canto das coplas, por parte das autoridades que oficiaban o acto. Nestes versos satíricos facíase un repaso en clave de humor de eventos acontecidos ao longo do ano como a Festa do Botelo, o cambio de alcalde, a situación sanitaria cunha referencia especial ao labor de Asilival ou mesmo o estado de infraestruturas do municipio. Intercaladas cada unha delas co tradicional retrouso “Aí vai, aí vai,/ aí vai o Carnaval/ tan bonito como era/ e deixárono escapar”.

 

 

Un ritual encabezado por dous oficiantes, Manuel González e Manuel Caramés, de Gargallada Teatro. Completado o percorrido dende a praza Maior, pasando praza de San Mauro e a rúa Escura, a comitiva, entre sons de petardos, regresaba pasando polo Porto da Barca ata o punto de partida. Alí, o Meco era colocado no medio da praza e procedíase á súa queima.

Deseguido, os asistentes disfrazados podía desfrutar de pan e chourizo como broche da celebración.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

 

Back to top button