ConcellosO BarcoÚltima hora

Entran a roubar nas sedes dos sindicatos, no Barco de Valdeorras

 

Continúan os roubos no Barco de Valdeorras. Coas pechaduras forzadas, algunha fiestra rota, moito desorden e roubos, se atopaban na mañá deste mércores 9 de xullo os traballadores dos sindicatos que teñen a sede na casa situada na praza do Concello.

Tal como indican dende a CIG, os ladróns entraban ao edificio por unha das fiestras do seu local, que dá ao pavillón vello, e de aí pasaban aos locais de CC.OO. e finalmente UGT, xa na planta baixa, por onde saían. Tamén forzaban a porta da sede de AEVA, aínda que neste caso non chegaban a entrar.

Nos tres locais que entraron, revolveron mesas e caixóns aínda que un dos peor parados foi o da CIG de onde levaron cartos en metálico (preto de 200 euros) e unha cámara de fotos, tal como indican os propios traballadores, destacando que é a segunda vez que entran. “A primeira levaron 2.000 euros”, din, explicando que nesta ocasión rebuscaron pero non atoparon máis.

En canto se decataron do acontecido os afectados foron ao Cuartel da Garda Civil a presentar as correspondentes denuncias pero ao parecer foron varios os roubos ocasionados esta noite (na gardería municipal e nun bar, polo menos) polo que os axentes “están desbordados e teremos que volver pola tarde”, din.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Back to top button