“O Volframio, entre a traxedia e o romanticismo”. É o título da exposición que o Instituto de Estudios Valdeorreses presentaba na tarde deste martes 17 de marzo na sala de exposicións ABANCA, no Barco de Valdeorras.

Un acto sinxelo no que o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, falou da “importancia do legado que o este metal deixou en Valdeorras” e o seu desexo de que “pezas tan importantes como as que se amosan nesta exposición, poidan formar parte algún día dun museo na comarca de maneira permanente”. Na súa intervención, Blanco Trincado tamén agradeceu á familia Fidalgo Trincado, propietaria de gran parte dos obxectos e fotografías da exposición, a disposición destos para levar a cabo a mostra. E invitou a “quen queira, a aportar pezas ou fotografías á mostra, para que poida ser moito máis completa, porque no contexto actual segue, e seguirá sendo nun futuro, un material de moito interés”.
A inauguración contou así mesmo, coa presenza do xefe da área provincial de Turismo de Ourense, Cecilio Santalices, quen expresou a súa satisfacción por completar, con esta exposición, “o obxectivo que nos marcamos e que seguiremos apoiando desde a Axencia de Turismo de Galicia, en compromiso coa promoción da cultura vitivinícola da zona, da tradición local e da aposta polo turismo industrial, como elementos definitorios da oferta turística deste destino”. Para Santalices, a iniciativa “supón unha achega máis ao fomento do turismo industrial; unha alternativa máis ao amplio abano de recursos turísticos xa coñecidos desta comarca, como o turismo de natureza, de alta montaña, de deportes de inverno, de turismo deportivo e de destino Starlight”.
Pola súa banda, a tenenta de alcalde e concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, agradeceu ao IEV a súa iniciativa de levar a cabo “este tipo de actividades, porque somos comarca mineira, e temos que coñecer o noso pasado mineiro”. Na mesma liña que Blanco Trincado, expresou Pizcueta o seu desexo de “que este tipo de exposicións formen parte dun Museo da Minería” para que poidamos admirar o legado do volframio de maneira permanente. Tamén fixo alusión aos conflictos bélicos actuáis que volven traer á memoria o volframio, cuxas explotacións estiveron enmarcadas no contexto da II Guerra Mundial.
A mostra inaugurada hoxe, que atesoura unha ampla colección de fotos e planos orixinais dos anos 40, así como outros obxectos procedentes da mina de Valborraz, en Casaio (Carballeda de Valdeorras), como candís de diferentes formas e mesmo unha turbina, “vén a completar a xornada de defensa do patrimonio e exaltación do legado do volframio, celebrada no antiguo poboado mineiro de La Piela, na localidade berciana de Cadafresnas, Corullón, o pasado 28 de febreiro de 2026”, aseguran dende o IEV, destacando que o obxectivo da mostra é “amosar a pegada que deixou este metal en Valdeorras”, contando coa presenza do Doutor Enxeñeiro de Minas, Roberto Matías, gran coñecedor da minería de diferentes materiais, nas comarcas veciñas do Bierzo e Valdeorras entre elas a do volframio que se extraían nas minas de Casaio.

Ademais este acto completa as actividades e eventos que o Instituto de Estudos Valdeorreses vén desenvolvendo desde o 8 de agosto de 2025, cando o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, presentou un proxecto formado por diversas iniciativas co obxectivo de “revalorizar o patrimonio da comarca” e que incluía o XII Concurso de Fotografía Manuel Blanco Pascual; o Irmandamento co Instituto de Estudios Bercianos; a recuperación da Semana da Historia do IEV, tras case vinte anos sen celebrarse, con catro xornadas de actividades e unha mesa redonda; así como o II Concurso de Espantallos.
A exposición poderá visitarse ata o 1 de abril de luns a venres de 17:30 a 20:30 horas. Polas mañás, para centros educativos, con cita previa nos teléfonos 988 50 93 94 e 666 311505, ou no email: info@comunicando.gal.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.