OurenseÚltima hora

Entrega de 12 novos tractores a outros tantos concellos ourensáns, entre eles Trives, Chandrexa e Carballeda de Valdeorras

 

A Consellería do Medio Rural e a Deputación de Ourense reforzan a súa colaboración na loita contra os incendios forestais coa entrega de 12 novos tractores a outras tantas entidades locais da provincia para labores de prevención fronte o lume. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o presidente da Deputación, Luis Menor, presidiron este mediodía o acto de entrega deste material, que se desenvolveu no Parque de Maquinaria do ente provincial e ao que tamén asistiron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Os beneficiarios desta entrega, que se suma á realizada en febreiro pasado a outros 12 municipios e mancomunidades da provincia, son os concellos de Carballeda de Avia, Allariz, Padrenda, Chandrexa de Queixa, Vilar de Santos, Pobra de Trives, O Carballiño, Vilardevós, Carballeda de Valdeorras, Verín, Xunqueira de Ambía e a mancomunidade de concellos Santa Águeda (formada por Coles, Amoeiro, A Peroxa e Vilamarín).

Neste contexto, a conselleira destacou o esforzo económico realizado dentro da colaboración institucional entre ambas as dúas administracións, e que só no período 2024-2025 ascende a 6,5 millóns de euros. Así, estes fondos permitiron formalizar a entrega de maquinaria (estes tractores e tamén máquinas multifunción); a posta en marcha de brigadas mancomunadas de seis meses; e a formación especializada deste persoal no Centro de Loita contra o Lume (CILL) da Xunta en Toén.

 

 

Renovación do protocolo

Na mesma liña, cómpre lembrar que se acaba de renovar o protocolo de cooperación e de asinar os novos convenios con seis mancomunidades da provincia, que inclúen importantes novidades. Así, veñen de sumarase dúas novas mancomunidades ás catro xa incorporadas; trátase das da Comarca de Ourense e de Santa Águeda.

Así mesmo, increméntanse as brigadas, que traballarán ao longo de seis meses, pasando de 16 a 22, cun investimento concreto para esta actuación de algo máis de 1,9 millóns de euros. O persoal destas brigadas xa se está formando nestes momentos nos diferentes cursos postos á súa disposición. En total, o orzamento para este 2026 aproxímase aos catro millóns de euros, entre o que achega a Consellería para brigadas e máquinas hidrostáticas polivalentes e o que aporta a Deputación de Ourense para a compra de máis tractores.

 

Back to top button