
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidía esta mañá o acto de entrega dos diplomas de ciberexpert@s a 207 nenos e nenas de 6º de Educación Primaria de Ourense, que participaron na formación dirixida por axentes da Policía Nacional da Comisaría de Ourense especializados na materia. Eladio Santos felicitou tanto á comunidade educativa como aos axentes que se encargaron de desenvolver esta acción formativa, que forma parte do Plan Director de Convivencia e Mellora da Seguridade dos Centros Educativos, impulsado polo Ministerio do Interior, e que coordina a Subdelegación do Goberno na provincia
O acto foi organizado pola Delegación de Participación Cidadá da Policía Nacional en Ourense e celebrouse no Pavillón Polideportivo Anexo á Comisaría Provincial. Xunto ao subdelegado, asistiron o Comisario Xefe Provincial de Ourense, Juan Cástor Vázquez Salgado e o director territorial da Consellería de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro Grande.

Os escolares premiados pertencen a catro centros educativos da cidade de Ourense: C.E.I.P. da Ponte e Practicas e os C.P.R. Cardenal Cisneros e Santa Teresa de Jesús (Carmelitas). A súa totalidade participou en varias sesións formativas sobre o uso seguro da rede e tivo que pasar unhas probas relacionadas con este contido. O obxectivo deste programa específico é achegar tanto á contorna educativa como ao familiar diferentes ferramentas e recomendacións para facilitar unha navegación moito máis segura. Os seus contidos e prácticas capacita aos nenos e nenas para facer un bo uso das novas tecnoloxías, fomentando hábitos responsables e seguros na contorna dixital.
