OurenseÚltima hora

Entrega de premios da campaña “Merca no teu comercio” no barrio ourensán da Ponte

O director xeral de Comercio aproveitou para destacar a boa acollida en Ourense da primeira edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio, que mobilizaron case 1,7 M€ en vendas na provincia e contaron coa adhesión duns 900 establecementos

 

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde na entrega de premios da campaña Merca no teu comercio desenvolvida no barrio ourensán da Ponte, enmarcada na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio. Alí, puxo de relevo o pulo que supoñen estas iniciativas para o consumo local, tanto nos barrios como nos municipios rurais. Nesa liña, lembrou que se volverán percorrer 40 localidades que non teñen centros comerciais abertos, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes.

Ata o 15 de xuño está en marcha unha nova quenda de campañas de Merca no teu comercio, tras as realizadas na segunda metade de maio, das que agora se entregan 20 tarxetas regalo por valor de 50 € en cada caso. Na provincia de Ourense, está vixente a iniciativa, concretamente, nos concellos da Gudiña, A Veiga, Maceda, O Bolo e Viana do Bolo.

No resto de Galicia, tamén se está levando a cabo accións nos concellos coruñeses de Muros e Outes; nos lugueses de Burela, Cervo, Covas, O Vicedo e Xove; e nos pontevedreses de Gondomar, Mos, Nigrán, O Rosal, Oia e Tui.

Quen queira participar debe rexistrar a súa compra na web www.mercanoteucomercio.com, da que tamén poderá deixar constancia o comerciante, duplicando así as posibilidades de gañar da clientela. Cómpre sinalar que en 2025 rexistráronse máis de 92.000 participacións nos distintos concellos.

 

 

Bonos Activa Comercio

Alén aproveitou para destacar a boa acollida en Ourense da primeira edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio, que mobilizaron case 1,7 M€ en vendas na provincia e contaron coa adhesión duns 900 establecementos, reforzando o comercio de proximidade. A previsión é investir un total de 5 M€ este ano na iniciativa, tras os 2,5 M€ de orzamento para descontos que se esgotaron este luns.

Back to top button