EconomíaEconomíaÚltima hora

Entréganse na Rúa os premios da VI edición do programa ‘Merca no teu comercio’ na provincia

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio e que nesta ocasión incluíu, ademais da Rúa, os concellos de Vilamartín de Valdeorras, Petín e Larouco

 

Na tarde deste mércores 10 de setembro celebrábase, na praza do Concello da Rúa, o acto de entrega dos premios da VI edición quincenal do programa ‘Merca no teu comercio’ na provincia de Ourense. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio e que nesta ocasión incluíu, ademais da Rúa, os concellos de Vilamartín de Valdeorras, Petín e Larouco. Como resultado da campaña, repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes, que poderán empregalas nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro.

 

 

 

No acto participaba o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén quen lembrou que a campaña desenvolveuse entre o 15 e o 30 de agosto, “coa finalidade de fomentar o consumo nos negocios de proximidade, poñer en valor o seu papel como motor económico e social nas vilas rurais e reforzar a súa actividade en territorios cun menor asociacionismo”. Actualmente e ata o 15 de setmebro segue en marcha nos concellos de A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán do Río. A continuación, iniciarase en Maceda, Allariz e Barbadás.

 

 

Nesta ocasion Alén estivo acompañado pola presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, e pola tenente de alcalde da Rúa, José Vicente Solarat.

 

Entre os premiados tamén había xente de Rubiá e Éntoma (O Barco).

 

Premios do Comercio Galego 2025

O director xeral lembrou tamén que os comercios interesados en presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025 teñen de prazo ata o 26 de setembro para formalizar as súas candidaturas. Os galardóns repartiránse en cinco categorías: o Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; o Premio Comercio Traxectoria 2025, con 3.000 euros; o Premio Comercio Emprende 2025, tamén con 3.000 euros; o Premio Comercio Dinamización 2025, que ascende a 5.000 euros; e o Premio Comercio Sostible 2025, cun importe de 3.000 euros.

 

 

Gabriel Alén destacou que “esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta para fortalecer un sector comercial moderno, competitivo e preparado para responder ás novas tendencias de consumo, ao tempo que se recoñece o seu peso como xerador de emprego e riqueza e como elemento clave para a cohesión territorial”.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button