EconomíaEconomíaÚltima horaVídeosViticultura

Entréganse os nove galardóns da XXIX Cata dos Viños da D.O. Ribeira Sacra

Nesta edición participaban un total de 21 adegas, con 65 mostras a concurso

 

Na tarde deste venres 11 de xullo dábanse a coñecer e entregábanse os galardóns da XXIX Cata dos Viños da Ribeira Sacra, organizada polo Consello Regulador, na que se recoñecía aos mellores tintos e brancos da colleita 2024, así como a viños destacados doutras anadas. O acto abríao o presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, ás 19:00 h no Hotel Iberik Augas Santas Balneario & Golf, en Pantón.

“Benvidos a este acto para celebrar a excelencia dos nosos viños e tamén a excelencia do traballo que fan nos nosos viticultores e adegueiros, que son os protagonistas principais”, dicía Lombardía. “A gran familia da Ribeira Sacra, falamos dunhas 2.000 familias e case 100 empresas, dinamizou tamén a zona, somos uns grandes fixadores de poboación e facémolo cun compromiso inquebrantable co territorio, pero sobre todo, somos os que mantemos un ecosistema único cun valor universal e excepcional. E este é un traballo colectivo”.

Ademais o presidente aludía a proxectos en marcha como un plan de dixitalización, co apoio das Deputacións de Lugo e Ourense. “Nesta primeira fase non só abordamos a dixitalización dos servizos internos da D.O., tamén se trasladará ás viñas e aos viticultores, por iso puxemos en marcha un plan de implantación dunha rede de estacións meteorolóxicas propias, que alimentara con datos fiables e sobre o terreo o programa de predición de enfermidades que posúe a Xunta de Galicia, a Consellería do Medio Rural, coñecido como Fitovit. Así mesmo, os viticultores teñen a disposición outro programa que tamén se alimentará destes mesmos datos. Nesta primeira fase da rede de estacións meteorolóxicas que estarán operativas para a campaña do 26 poñeranse en marcha 19 estacións, tanto na provincia de Lugo como na de Ourense, que serán financiadas con convenios de colaboración coas dúas deputacións”.

Pero o CRDO Ribeira Sacra aspira a máis. En concreto a ter a rede de estacións meteorolóxicas máis grande do Estado. “Queremos chegar a máis de 40, para iso tentaremos asinar convenios cos diferentes concellos, aspirando a ter 40 estacións físicas ás que se sumarán outras virtuais”.

 

 

Por outra banda, o consellor tamén iniciou os traballos de delimitación dos terreos susceptibles de ter “viñas amparadas dentro da D.O. Este é un traballo pioneiro en Galicia. Actualmente xa se está traballando na delimitación de tres concellos e esperamos telos a exposición pública unha vez remate a vendima. E cando remate esa delimitación debemos iniciar un proceso de zonificación, un traballo que xa nos situaría á par das DD.OO. máis desenvolvidas neste ámbito como son Priorat, Rioxa e O Bierzo”, dicía o presidente da D.O. Ribeira Sacra, quen tamén se refería ao labor desenvolvido no ámbito do enoturismo e recoñecía as dificultades da última campaña, “que foi a vendima máis complicada da historia da denominación”.

 

 

O presidente tamén falaba de futuro e facía referencia a dous problemas estruturais desta D.O. como son os altos custos de produción e o descenso do consumo de viño de tinto e incidía en que ese futuro pasa por “alixeirar o traballo dos viticultores” a través da tecnoloxía e, nesa liña, adiantaba dous novos proxectos nos que está mergullado o seu consello regulador.

 

 

Nesta edición da cata participaban un total de 21 adegas, con 65 mostras a concurso: 21 viños tintos, 18 viños brancos e 26 viños doutras anadas.

O panel de cata do certame, composto por sete expertos do Consello Regulador (Maira Ratón Fernández, Gelín Fernández, Bruno Lovelle, Rosa Domínguez Domínguez, Pablo Íbañez, José Felicíisimo Pereira Freijido, José Antonio Fernández Somoza) e presidido polo director técnico do Consello, valoraba as mostras nunha cata a cegas realizada durante a mañá.

 

 

Premios outorgados eran os seguintes.
Viños Tintos (Anada 2024):

  • Medalla de Ouro: Casa Moreiras da adega Casa Moreiras S.L.
  • Medalla de Prata: Prómine da adega Petrón S.L.
  • Medalla de Bronce: Campaza da adega Casa Moreiras S.L

Viños Brancos (Anada 2024):

  • Medalla de Ouro: Viña Vella da adega S.A.T. Virxe dos Remedios
  • Medalla de Prata: Ponte da Boga da adega Adega Ponte da Boga S.L.
  • Medalla de Bronce: Peza do Rei da adega Adega Cachín S.C.

Viños de outras anadas:

  • Medalla de Ouro: 4ª Generación (Mencía da colleita 2020) da adega Don Bernardino S.L.
  • Medalla de Ouro: 1904 Adega Vella(Godello Barrica da colleita 2022) da adega Adega Vella Xeracións S.L.
  • Medalla de Ouro: Finca Millara (Mencía Barrica da colleita 2022) da adega Finca Millara Bodegas y Viñedos S.R.L.

Cada viño premiado recibiu un trofeo artesanal elaborado por José Elías González Prieto, mestre oleiro de Gundivós, cuxa obra en barro simboliza a tradición e o arraigamento do viño na Ribeira Sacra.

 

 

O acto contaba coa asistencia de diversas autoridades, entre elas a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o director de Agacal, Martín Alemparte; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; os presidente das Deputacións de Ourense, Luis Menor; e Lugo, José Tomé; así como deputados galegos e provinciais, e alcaldes dos concellos deste territorio dacabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, ademais do presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

A entrega era clausurada coa intervención da conselleira do Medio Rural, quen facía fincapé no gran labor que realizan os viticultores desta zona por manter a calidade dos viños e o xeito ancestral de colleitalo en grandes pendentes, moitas veces sen máquinas, que fan desta tarefa unha viticultura heroica. Ademais, tivo unha especial mención para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco polo seu “valor universal excepcional”, así como pola súa “riqueza natural, cultural e histórica”.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural contribuíu á protección da paisaxe da Ribeira Sacra coa primeira convocatoria das axudas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos nesta zona. Con estas achegas que se resolveron o pasado 20 beneficiouse a 800 viticultores inscritos na Denominación de Orixe Ribeira Sacra para actuar nunha superficie de 810 hectáreas de viñedo cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

A conselleira rematou a súa intervención resaltando que estes premios recoñecen o talento, a innovación e o compromiso de todas as persoas que forman parte do mundo da viticultura e trasladou os seus parabéns aos gañadores.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

Back to top button