SanidadeÚltima hora

Entréganse os premios do concurso de decoración de Nadal nos hospitais públicos da provincia

Primeiro premio: 6ª dereita edificio Cristal.

 

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras entregáronse hoxe os premios no Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa que ten como obxectivo achegar o espírito do Nadal aos centros sanitarios públicos da provincia, a través da creatividade e da implicación dos profesionais.

No Hospital Universitario de Ourense o primeiro premio foi para a 6ª do Cristal, Unidade de Insuficiencia Cardíaca do Servizo de Medicina Interna, mentres que o segundo galardón recaeu no servizo de Cociña e o terceiro premio para o Servizo de Farmacia.

 

Segundo premio: Servizo Cociña.

 

Ademais, o xurado, formado polas asociacións de Down Ourense, Tourette Galicia e Voluntariado de Cruz Vermella, concedeu varias mencións especiais a diferentes servizos e centros pola súa singular achega ao concurso. Recibiu unha mención o Centro de Saúde de Crespos (Padrenda) polo seu decorado baixo o lema “O espírito do Nadal no rural”; a Primeira Sur, Unidade de Agudos do Servizo de Psiquiatría, pola proposta titulada “Os pacientes artistiñas”; o Servizo de Urxencias, pola súa representación dos “Elfos do Bosque”; e a Sétima Sur (Hematoloxía) foi recoñecida pola súa “Elegancia e distinción”.

No Distrito Sanitario de Valdeorras, o primeiro premio foi para o servizo de Reanimación, quedando en segunda posición Rehabilitación e acadando o terceiro premio a Unidade de Hospitalización Azul.

Pola súa banda, no Distrito de Verín, o primeiro premio do Concurso de Decoración de Nadal foi para o servizo de Urxencias, mentres que o segundo premio recaeu en Limpeza e o terceiro galardón foi para Laboratorio.

Os criterios empregados para a valoración das propostas foron a temática, a creatividade e orixinalidade, a autenticidade do decorado e a reutilización de materiais ou o uso de elementos reciclados.

 

Terceiro premio do CHUO: Servizo de Farmacia

 

Back to top button