Con música continuaba na tardiña deste 16 de maio o programa de actividades do “Mes das nosas letras”, promovido polo Concello de Quiroga. Así, a Casa da Cultura da vila acollía un concerto de música vocal coa participación de tres agrupacións: o Grupo Vocal Entrelas, a Coral Cantar Delas e a Coral Polifónica de Quiroga.
Esa precisamente esta formación local, que dirixe Fernando Sanmartino Pérez, a que poñía o broche ao concerto, no que interpretaba catro pezas: “Amor mariñeiro” (Xosé L. Rivas), “Eu caseime por un ano” (popular galega), “Nesta Rúa” (popular brasileira) e “A Virxen de Portovello” (Manuel de Dios).
A Coral Polifónica de Quiroga, fundada en 1991, conta actualmente con 30 membros dirixidos por Fernando Sanmartino Pérez. A súa primeira actuación tivo lugar en xuño de 1992 e, desde entón, mantén unha actividade constante, reflectida nas numerosas actuacións realizadas ao longo dos anos. Participou no I Certame de Corais Galegas e en distintos programas da TVG e TVE en Galicia.

Por outra banda, o Grupo Vocal Entrelas, da Coruña, está formado exclusivamente por voces femininas. A maior parte das súas interpretacións realízanse a capela, e o seu repertorio abrangue unha ampla variedade de xéneros musicais, como son cubano, jazz, pop, habaneras ou música tradicional. Nas súas actuacións destacan a alegría sobre o escenario, o coidado pola posta en escena e a proximidade co público, elementos que definen a súa identidade artística.
O Coral Cantar Delas é o único coro de voces brancas da provincia de Lugo. Dentro da súa traxectoria destaca o proxecto centrado na música medieval, baseado nas Cantigas de Martín Códax e nas Cantigas de Afonso X o Sabio, en colaboración co grupo instrumental Tundal (2012); e o ciclo Creadoras de música, dedicado á creación musical feminina, co obxectivo de visibilizar compositoras que foron esquecidas ou silenciadas ao longo da historia (2023 – 2024).
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
