OurenseÚltima horaVídeos

Envorca un camión que transportaba porcos vivos, en Sandiás

 

Na mañá deste mércores 3 de xuño producíase un accidente na estrada N-525 ao seu paso polo concello ourensán de Sandiás.

Eran preto das oito cando o 112 Galicia recibía o aviso sobre “o envorco dun camión que transportaba porcos vivos á altura de Piñeira de Arcos”. Segundo indican, o golpe deixou o condutor ferido e unha parte dos animais tirados na vía. “Outros porcos, pola contra, quedaron atrapados dentro do vehículo á agarda do seu rescate”. O condutor puido saír do vehículo polos seus propios medios e mesmo manter comunicación cos xestores do 112 Galicia, sendo atendido polo equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por mor das diversas lesións sufridas polo golpe.

 

 

No rescate dos animais (uns 180) centráronse os efectivos do parque comarcal de Xinzo despois de comprobar o estado do condutor. “En canto aos animais que caeron á vía tras o envorco, foron encarreirados cara a unha leira mentres se tramita a súa recollida”.

O operativo completábase coa colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico que puntualizan que o accidente producíase no PK 206.5. O camión articulado circulaba en sentido Santiago e envorcaba sobre o costado dereito ao realizar un cambio de sentido. “Meteuse á dereita na explanada do restaurante Novaiño e xirou para incorporarse ao sentido Benavente producíndose o envorcamento”. O condutor daba negativo nas probas de alcohol e drogas.

 

Back to top button