Afundación levou hoxe o seu proxecto “Plantando árbores con pinceis” a Ourense, coa participación de 105 estudantes. O alumnado do IES Universidade Laboral Ourense elaborou esta mañá un mural con pinturas fotocatalíticas anticontaminantes e decoraron bolsas de tea con pinturas ecolóxicas. A iniciativa enmárcase no programa da Obra Social de ABANCA “Educación para a sostibilidade”, primeiro premio nacional de Medio Ambiente de CECA.

Con este programa “o alumnado aprende que o uso deste tipo de pigmentos é útil dado o seu poder de absorción dos gases contaminantes derivados do tráfico e das industrias, fomentando a creación de espazos escolares ecoloxicamente máis depurados grazas á implicación das mozas e mozos do centro”. Unha innovadora proposta que ten como obxectivo achegar ao estudantes unha mensaxe positiva sobre o coidado da contorna, propondo alternativas de ocio que fomentan o respecto ao medio natural a través da arte, cunha metodoloxía participativa e colaborativa.
O proxecto consiste en coordinar o estudantes participantes para realizar un mural, con estas pinturas e con temáticas relacionadas co medio ambiente, na parede que designe o centro escolar. A actividade compleméntase con obradoiros de pintado de bolsas de tea nos que se traballará a temática medioambiental desde un enfoque participativo, o que facilita a toma de conciencia sobre a importancia de coidar da natureza.

Ademais, os escolares participan nun obradoiro de estampación no que realizan unha plantilla relacionada co coidado do medio ambiente que posteriormente se estampará en distintas localizacións de cada centro. Ademais, Afundación incorpora tamén unha plantilla do movemento internacional “O mar empeza aquí”, ao que se sumou a entidade co obxectivo de visibilizar que os residuos que tiramos na rúa ou directamente na rede de sumidoiros poden acabar no mar.
Desde que se iniciou o proxecto en 2021, máis de 19 000 escolares e docentes pintaron máis de 200 murais en centros educativos de toda Galicia.
