CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Escolares de Verín participan no proxecto educativo “Plantando árbores con pinceis”, que une cultura e sostibilidade

 

Na xornada deste martes 3 de novembro, Afundación levaba o seu proxecto “Plantando árbores con pinceis” ao CPR La Inmaculada de Verín, onde máis de 130 estudantes e profesores elaboraron un mural con pinturas fotocatalíticas anticontaminantes e decoraron tamén bolsas de tea con pinturas ecolóxicas. A iniciativa, que arranca hoxe a súa VI edición, encádrase no programa da Obra Social de ABANCA “Educación para a sostibilidade”, primeiro premio nacional de Medio Ambiente de CECA.

 

 

En “Plantando árbores con pinceis” o alumnado aprende que o uso deste tipo de pigmentos é útil dado o seu poder de absorción dos gases contaminantes derivados do tráfico e das industrias, fomentando a creación de espazos escolares ecoloxicamente máis depurados grazas á implicación das mozas e mozos do centro. Unha innovadora proposta que ten como obxectivo achegar ao estudantado unha mensaxe positiva sobre o coidado da contorna, propoñendo alternativas de lecer que fomentan o respecto ao medio natural a través da arte, cunha metodoloxía participativa e colaborativa.

 

 

O proxecto consiste en coordinar o estudantado participante para realizar un mural, con estas pinturas e con temáticas relacionadas co medio ambiente, na parede que designe o centro escolar. A actividade compleméntase con obradoiros de pintado de bolsas de tea nos que se traballará a temática medioambiental desde un enfoque participativo, o que facilita a toma de conciencia sobre a importancia de coidar da natureza.

 

 

Como novidade nesta edición incorpórase un obradoiro de estampación no que o alumnado participante realizará unha plantilla relacionada co coidado do medio ambiente que posteriormente se estampará en distintas localizacións de cada centro. Ademais, Afundación incorporará tamén unha plantilla do movemento internacional “O mar empeza aquí”, ao que se sumou a entidade co obxectivo de visibilizar que os residuos que tiramos na rúa ou directamente na rede de sumidoiros poden acabar no mar.

 

 

Desde que se iniciou o proxecto en 2021, máis de 19000 escolares e docentes pintaron máis de 200 murais en centros educativos de toda Galicia.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button