Na mañá deste luns 16 de xuño a aula itinerante da campaña “Separa. Depende de ti” de Sogama chegaba ao Barco de Valdeorras.
No marco da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente que se celebrou este mes de xuño, estase a desenvolver na praza do Concello do Barco unha actividade realizada en colaboración coa concellería de Servizos do Concello do Barco. A campaña, coa que se pretende incentivar a colaboración da cidadanía na consecución de maiores cotas de reciclaxe, dirixiuse de forma especial aos centros escolares, pero tamén está aberta ao público en xeral.
Tal como explican desde o Concello concertaron visitas co alumnado dos centros escolares do Barco á aula situada na praza e atendida por monitores, na que se ofrece información e xogos de manchas para explicar a reciclaxe. Nas actividades poden participar non só os nenos dos centros participantes, senón tamén cidadáns de todas as idades, a quen se gratificará con distintas sorpresas.

A iniciativa pon o foco nos “impropios”, é dicir, aqueles residuos que, por erro ou descoñecemento, son depositados no contedor equivocado, polo que, ademais de imposibilitar a súa recuperación, tamén se está comprometendo e limitando a reciclaxe dos materiais correctamente depositados.
Na aula móstranse, dunha forma visual, os erros máis comúns que cometen os cidadáns, e para iso emprégase un concepto tan coñecido como o das manchas, evidenciando que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores, posibilitando con iso a súa reciclaxe e os beneficios inherentes ao mesmo, tanto ambientais como económicos. A través de gráficas móstranse os cinco principais contedores de recollida que se sitúan nas rúas (amarelo, azul, marrón, iglú verde e xenérico), especificando os materiais que deben introducirse en cada un e representando con manchas de cores os residuos impropios que corresponderían a outros recipientes.
Tamén se proporciona información relevante sobre o que acontece cando se clasifica adecuadamente e cando non. No primeiro caso, os residuos convértense en recursos valiosos para a fabricación de novos produtos, redúcese a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, diminúe a contaminación e xéranse postos de traballo.

No segundo caso, contamínanse os refugallos correctamente separados e, por tanto, complícase e retarda o proceso de recuperación, encarecéndoo, pois separar os impropios require tempo e diñeiro extra, coa particularidade de que se perden materiais que poderían transformarse en novos artigos de utilidade.
A campaña proporciona tamén datos curiosos. Por exemplo, que cada tonelada de cartón reciclado aforra o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante seis meses; que reciclar unha botella de vidro aforra a enerxía suficiente para manter unha televisión acesa durante 20 minutos; que reciclar tres botellas aforra a enerxía que se necesita para cargar un teléfono móbil durante todo un ano; que se necesitan 500 anos para que unha botella de plástico se degrade na natureza; que co aluminio reciclado de 19.000 latas pódese fabricar un coche enteiro; ou que por cada tonelada de briks reciclados pódese aforrar ata 1,5 toneladas de madeira.
Fotos: O SIL e cedidas.