
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na XXX Festa do Emigrante de Esgos, unha celebración que reuniu a veciños e visitantes nunha xornada de convivencia xunto á Casa do Concello. Acompañado polo alcalde de Esgos, José Antonio Blanco, así como doutras autoridades como o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; Luis Menor compartiu esta tradicional cita coa veciñanza e destacou a importancia de manter vivas celebracións que serven para reforzar os vínculos entre as persoas que permaneceron no territorio e aquelas que tiveron que buscar o seu futuro lonxe da súa terra.

A Festa do Emigrante naceu en 1996 por iniciativa do alcalde de Esgos Manuel Ángel Rodríguez co obxectivo de crear un espazo de encontro coas persoas emigradas que regresaban ao municipio durante as súas vacacións. Ao longo das décadas, numerosos veciños de Esgos emigraron a lugares como País Vasco e Cataluña, dentro de España, e a países como México, Francia, Suíza, Alemaña ou Venezuela.
Luis Menor puxo en valor o carácter simbólico desta celebración, que 30 edicións despois continúa sendo un punto de reencontro coa terra e coas raíces, así como unha homenaxe ás xeracións de ourensáns que emigraron sen perder nunca o vínculo cos seus lugares de orixe.
