
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través da Dirección Xeral da auga e da Confederación Hidrográfica do MIño-Sil (CHMS), e a Agência Portuguesa do Ambiente, a través da ARH Norte, organizaban neste 14 de abril no municipio pontevedrés de Tui unha xornada de participación pública sobre o Esquema Provisional dos Temas Importantes (EpTI) en materia de xestión das augas, dentro do marco do Convenio de Albufeira.
O encontro, primeira xornada de posta en común dos temas de xestión da auga que afectan a ambos países, ten como obxectivo dar cumprimento ao establecido no devandito convenio e mellorar o coñecemento da conca compartida.
A xornada, que forma parte do proceso de participación pública, estivo presidida por José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, Antonio Afónso, director dá ARH Norte, e polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
Ao longo do encontro expúxose o contido dos EpTI da parte española e portuguesa e celebrouse unha mesa redonda con expertos de universidades, asociacións ecoloxistas e representantes de hidroeléctricas, centrando o debate nos caudais ecolóxicos.

O EpTI, base do novo Plan Hidrolóxico
O Esquema Provisional de Temas Importantes constitúe o segundo fito do proceso de planificación hidrolóxica, tras a elaboración dos documentos iniciais xa finalizados, e servirá de base para o novo Plan Hidrolóxico. Este documento recolle a descrición e valoración dos principais problemas relacionados coa auga, así como as alternativas de solución.
Na parte española da demarcación identificáronse 16 temas importantes, distribuídos en catro bloques: cumprimento de obxectivos medioambientais, atención das demandas e racionalidade do uso, seguridade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos e coñecemento e gobernanza.
“Na DHMS consideráronse 16 temas importantes divididos en catro bloques: cumprimento de obxectivos medioambientais, atención das demandas e racionalidade do uso, seguridade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos e coñecemento e gobernanza”, explicou Quiroga.
Entre os principais problemas destacan as alteracións hidromorfolóxicas derivadas do intenso aproveitamento hidroeléctrico e do elevado número de obstáculos transversais; os impactos da actividade mineira, especialmente de extracción de lousa; a contaminación difusa de orixe agrogandeira; a contaminación puntual por deficiente depuración e dispersión poboacional; a contaminación histórica por lindano na zona do Porriño; así como os efectos do cambio climático no uso da auga e nos fenómenos extremos.
O EpTI da parte portuguesa recolle 22 temas agrupados en seis bloques.

Consulta pública e masas de auga compartidas
O EpTI da parte española atópase en período de información pública desde o 1 de decembro de 2025 ata o 28 de maio de 2026, mentres que o portugués iniciou a súa consulta o 20 de marzo de 2026 e prolongarase ata o 20 de setembro de 2026.
As masas de auga compartidas entre España e Portugal na DHMS son dez: sete na conca do Miño e tres na do Limia.
Estado das masas de auga
Na parte española da demarcación, das 287 masas de auga superficiais, 221 (77%) alcanzan o bo estado e 66 (33%) non. En canto ás augas subterráneas, 21 das 24 masas (87,5%) presentan bo estado, mentres que tres (12,5%) non o alcanzan.
Das dez masas de auga compartidas, seis atópanse en bo estado e catro non.
“O obxectivo destas xornadas divulgativas conxuntas é explicar os traballos efectuados e o resultado destes, mellorar o coñecemento da conca compartida e dar cumprimento aos obxectivos medioambientais establecidos no Convenio de Albufeira”, concluíu o presidente.