SanidadeÚltima hora

Establecer un tratamento precoz diminúe as posibilidades de desenvolver unha migraña crónica

Cun importante sesgo de xénero na súa prevalenza en Ourense pode afectar a máis de 28.000 mulleres e 13 000 homes

 

Máis 41.000 persoas na provincia de Ourense poderían padecer migraña, a enfermidade neurolóxica máis frecuente e a máis común nas consultas do Servizo de Neuroloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, desde onde se suman hoxe ao Día Internacional de Acción contra a Migraña, como vía para dar visibilidade a unha patoloxía que sofre dun dobre estigma: banalización e conseguintemente infradiagnóstico.

Lonxe de ser “só unha dor de cabeza” é a primeira causa de discapacidade en adultos menores de 50 anos, cunha importante diferenza de xénero en canto a prevalenza. Así, a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) estima que afecta ao 18 % das mulleres e ao 9 % dos homes. O que representa que en Ourense máis de 28 000 mulleres e 13 000 homes padecen migraña.

Este ano a campaña ten por lema “Desexos extraordinarios”, para visibilizar a aspiración dos pacientes para vivir sen dor nin limitacións, poñendo o foco no diagnóstico precoz, ao que se suma o Servizo de Neuroloxía de Ourense, chamando a deixar de banalizar o seu padecemento para reducir a cronificación, instaurando canto antes un tratamento axeitado.

Desde o Servizo de Neuroloxía, onde contan cunha consulta monográfica semanal no Hospital Universitario de Ourense, atendida polos especialistas María Pardo e Nabil Sabbagh, subliñan que ata o 40% dos enfermos non están diagnosticados, e o 50% seguen un tratamento inadecuado. Esto débese a que moitas veces minusvalórase “a dor de cabeza” e afrontase con automedicación, aumentando así o risco de cronificación.

Máis de 15 días ao mes de dor

Para evitalo, desde o Servizo que animan aos pacientes a dirixirse en primeiro lugar ao seu médico de atención primaria, para que os valoren e establezan un primeiro tratamento. Entre un 2 e un 3 dos pacientes sofren migrañas graves, poden chegar a ter ata 15 días ao mes de dor, o que afecta a todos os ámbitos, familiar, social e moi especialmente laboral, padecendo ademáis a incomprensión do seu entorno.

A estes pacientes está orientada precisamente a consulta monográfica, que atendeu en 2024 404 consultas de persoas con migraña grave ou crónica, que agora podense beneficiar dos grandes avances experimentados no seu tratamento.

 

 

Novos “arsenal” terapéutico

Este novo “arsenal” terapéutico esta orientado especialmente aos pacientes con migraña crónica, pacientes que nalgúns casos teñen só entre cinco ou seis días ao mes para facer unha vida normal, e con estes tratamentos poden ter unha redución entre o 50 e o 70% de días de dor. Algúns destes novos tratamentos son os anticorpos monoclonais subcutáneos, que aplicados en consulta, empréganse como tratamento preventivo da migraña nos pacientes con maior afectación.

Estes tratamentos incrementanse progresivamente desde a súa implantación en 2021, con máis dun centenar de pacientes a tratamento, que teñen como referencia a consulta monográfica, agora atendidas por dous neurólogos e cunha enfermeira, que serve de enlace cos pacientes en temas de formación e administración da medicación.

Dor pulsátil intensa e unilateral

O diagnóstico da migraña é clínico -en función dos síntomas- e as crises abondan a ser características: dor pulsátil intensa, que se localiza nun só lado do cranio, acompañado de molestia ante a luz, o ruido, as veces náuseas, ou vómitos, e as veces os cheiros e o movemento.

A día de hoxe aínda non se sabe porqué algunhas persoas desenvolven migraña, aínda que si esta establecida unha orixe xenética complexa, na que tamén inflúen factores ambientais ou hormonais, que explicaría a maior afectación de mulleres.

O que si teñen moi claro os neurólogos é que o principal factor protector para evitar a súa cronificación é o diagnostico e poñer un tratamento adaptado ás características das súa doenza, evitando a automedicación e os mitos.

Back to top button