En portadaÚltima horaVídeos

“Estamos loitando pola nosa saúde e seguiremos coas concentracións”

Centos de persoas asistían á manifestación convocada por Asilival "en defensa da sanidade pública"

 

Ameazaban con subir de nivel nas mobilizacións e así o facían convocando unha manifestación, xa non só para reclamar un neumólogo para Valdeorras senón “en defensa da sanidade pública”.

 

 

Na mañá deste 9 de outubro, como cada xoves ás 11 horas, tiña lugar a concentración de Asilival diante do hospital do Barco pero nesta ocasión, os asistentes (arredor duns 300) custodiados pola Policía Local que abría paso, a Garda Civil na beirarrúa e o GES Valdeorras que pechaba a comitiva, cortaban a rúa Conde Fenosa e collían dirección Concello.

 

 

Facendo ruído, atraendo aos viandantes e coas consignas “máis recursos para sanidade” e “queremos un neumólogo para Valdeorras”, os manifestantes percorrían a rúa ata chegar á praza. Alí, o presidente de Asilival, daba as grazas aos asistentes, entre eles representantes de varios concellos como A Rúa, Petín, Vilamartín, O Bolo e O Barco, contento pola resposta pero molesto porque “seguimos con mentiras e engaños. Din que hai neumólogo pero anótante nunha listas e non saben que facer con ela”, dixo, asegurando que “falar co director de distrito é perder o tempo porque só me conta mentiras. A xerencia quedou dúas veces en vir a reunirse con nós e suspenderon a reunión. Queren calarnos a boca pero non o van conseguir”.

 

 

Explicou que a situación segue a ser a mesma. “Hai compañeiros que hoxe tiveron que ir a Ourense á revisión porque supostamente aquí hai neumólogo que fai probas pero é todo mentir. Estamos loitando por saúde pero realmente é unha decisión política e iso é complicado”, recoñeceu, asegurando non obstante que van seguir coas concentracións. “Seguiremos presionando e iremos á xerencia a Ourense”, adiantou porque “xa non se trata só do neumólogo hai moita xente esperando aos especialistas polo que creo que a comarca enteira debería saír á rúa”, asegurando que teñen que contar cos alcaldes aos que lles pedirán que nos seus pobos emitan bandos e saquen aos veciños á rúa.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver

 

Back to top button