
Setenta e seis estudantes dan comezo hoxe a súa etapa de formación en centros de traballo no Hospital Universitario de Ourense, iniciando así o seu período de prácticas dos estudos de ciclo medio en Coidados Auxiliares de Enfermería, para obter o título de técnico (TCAE) rotando polos distintos servizos e unidades do hospital.
Este amplo grupo de alumnos foi recibido esta mañá pola supervisora da Área de Formación, Esther Pérez Álvarez, e a coordinadora dos técnicos de Grao Medio, Montserrat Seijas Rodríguez, que lles deron a benvida á que será o seu novo centro de traballo ata finais de decembro. O período de prácticas é por norma xeral de 440 horas, ainda que nunha pequena porcentaxe do alumnado redúcese a 220 ou 180 horas.
Os alumnos e alumnas proceden dos distintos centros que imparten este ciclo en Ourense, e tamén de Pontevedra e a distanza, en concreto do CIFP A Carballeira-Marcos Valcarcel, que oferta todas as modalidades (Adulto, Dual, Ordinario); CPR San Martín; Escola Santo Cristo de Ourense; EFA A Cancela de Pontevedra e Centro de FP Ilerna.
A eles súmanse os once alumnos/as do IES Lauro Olmo que se incorporaron a pasada semana ao Hospital Público de Valdeorras, e os trece do IES García Barbón que comezaron tamén este luns as súas prácticas no Hospital Público de Verín.
O obxectivo principal deste periodo é formar ao alumnado nas habilidades necesarias para o bo desempeño das funcións que realizarán como TCAE. Para iso é necesario que o alumnado coñeza o funcionamento do hospital nas distintas unidades ou servizos, pasando durante o período de prácticas por polo menos dúas unidades ou diferentes servizos.

Resulta fundamental o paso polas unidades de hospitalización onde aprenderán as funcións básicas do TCAE como son a realización do aseo, a mobilización dos pacientes segundo as súas patoloxías, a alimentación dos pacientes, coñecer os síntomas ou signos de alarma, adquirir os conceptos avanzados en canto ás técnicas de traballo ou a educación familiar e comunitaria, entre outras moitas. Nos servizos onde existen distintos departamentos rotarán por todos e cada un de eles co obxectivo de adquirir os coñecementos necesarios para o bo funcionamento dos mesmos.
O alumnado tamén recibirá formación por parte da U.P.R.L. do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública sobre a prevención de riscos laborais, resíduos, illamentos, colocación e retirada dos equipos de protección individual (EPIs) e a importancia da correcta hixiene de mans no persoal sanitario antes e despois do contacto co paciente ou nas súas tarefas habituais.
Tamén as unidades administrativas do Servizo de Persoal no departamento do Expediente-e impartirán formación de como deben acceder ao seu expediente electrónico, os procedementos para a súa inclusión nas listas de contratación, como anexar os cursos ou formación ou como realizar a actualización de méritos ou outro tipo de formación complementaria.
Está previsto que no vindeiro mes de outubro incorpórense os alumnos do ciclo medio de Farmacia e Parafarmacia cun período formativo de 410 horas que tamén rematará a finais do mes de decembro.