
Estudios Abertos Ourense abrirá mañá, xoves 1 de outubro, ás 20 horas, o prazo de reserva para as catro rutas gratuítas en autobús que percorrerán diferentes espazos de creación da provincia durante a fin de semana do 17 e 18 de outubro. As reservas, gratuítas e con prazas limitadas, poderán formalizarse a
través da páxina: www.estudiosabertos.com/roteiros.
Os percorridos permitirán achegarse a talleres, estudios e espazos de creación situados nos concellos de Xunqueira de Espadanedo, Allariz, Verín, Bande, Celanova, Taboadela e Ourense. A iniciativa busca facilitar o acceso do público a lugares que habitualmente permanecen fóra dos circuítos expositivos e ofrecer a posibilidade de coñecer directamente as artistas e os artistas nos contextos nos que desenvolven o seu traballo.
A participación nas rutas non será imprescindible para coñecer os espazos. Todas as persoas interesadas poderán organizar as súas propias visitas durante o sábado 17 e o domingo 18 de outubro, nos horarios xerais de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas, a excepción de Manuel Buciños e Baldomero Moreiras que abrirán os seus espazos só o domingo 18 de outubro, de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas; e Xosé Cid que abrirá só durante a tarde do domingo 18, de 16 a 20 horas.

Nesta edición, os propios desprazamentos en autobús incorporaranse á experiencia artística. As rutas contarán coa participación da Brigada Poética do festival de poesía performativa Imos ter máis que palabras, que realizará accións sorpresa durante os traxectos de ida e volta. “Esta colaboración reforza a vontade de conectar disciplinas, públicos e territorios, facendo que a aproximación á creación contemporánea comece antes mesmo de chegar aos espazos”, aseguran dende Estudios Abertos Ourense.
A programación “Arte na provincia” forma parte da terceira edición de Estudios Abertos Ourense, que este ano amplía o seu calendario a dúas fins de semana, reúne 24 espazos e máis de 45 artistas e estende a súa actividade por toda a provincia. A segunda parte do programa, “Arte na cidade”, desenvolverase en Ourense os días 23, 24 e 25 de outubro.


Máis información na web de Estudios Abertos Ourense.
