EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

Eva Arias: “Os nosos viños son os mellores embaixadores que temos”

Cun pregón cargado de anécdotas, lembranzas e recoñecementos, homenaxes e música, a XXVII Festa das Covas de Vilamartín quentaba motores para a cita desta tarde

 

“Vivan as mulleres e os homes de Vilamartín de Valdeorras”; “Vivan as nosas covas e o noso viño”; “Vivan os nosos ancentros que traballaron estas terras”; “Vivan os coveiros”; e “Viva a Festa das Covas 2026”.

Con estes tres vivas coreados polos asistentes, remataba Eva Arias o pregón que na tardiña do venres 31 de xullo daba na “Pequena”, a pre ruta coa que Vilamartín de Valdeorras quentaba motores para a celebración que esta tarde reunirá a miles de persoas arredor dos templos do viño vilamartinés.

 

 

Un viño e unhas covas que a pregoeira exaltaba entre vítores e aplausos dos seus veciños. Non en van aseguraba, logo de agradecer á Asociación de Coveiros ter contado con ela para este evento, que aquí “simple e llanamente son a filla do Javier e da Manola, a sobriña do meu padriño Pedro, un coveiro máis como moitos de vos, ou a irmá pequena da Mónica e a Myla. Aquí, é onde teño as miñas raíces e para min non hai nada máis importante na vida que estas”.

 

 

E é aí, precisamente nas raíces, onde radica segundo Eva a nosa base vital como seres humanos. “Ao igual que lles pasa tamén aos inxertos cando unimos o bravo coa púa, que vai definir o futuro e a calidade dos nosos viños que son o principal protagonista deste festexo”, dixo, introducindo pequenos cascarrillos e moitas referencias á súa familia.

 

 

Asegurou que, segundo a súa opinión está ben que sexamos modestos e humildes, “pero tamén creo que por selo non debemos restar nin un ápice de importancia aos nosos viños, porque é sabido por todos, que as nosas variedades de uva, en especial o Godello ou a Mencía de Vilamartín de Valderras, estanse convertendo en grandes referentes a nivel global. A calidade que teñen está gañando peso entre os expertos de todo o mundo. Os nosos viños son os mellores embaixadores que temos”, dixo aos presentes entre anécdotas que demostran que “ás veces temos que deixar a un lado a modestia que nos caracteriza e darlle as cousas a importancia que realmente teñen”.

 

 

Porque “somos un pobo dunha gran cultura gastronómica pero tamén vitivinícola, arraigada nas ribeiras do río Sil e na fermosa arquitectura das nosas ladeiras. Viñas, que ao longo de todo o ano, coidamos con mimo e dedicación, que posteriormente, recolectamos o seu fruto, e finalmente, paladeamos con entusiasmo nas nosas covas, motivo polo cal hoxe as honramos con esta preciosa festa que vai a comezar”, dixo, convidando aos veciños a seguir conservando este festexo e trasmitindo a cultura do viño de xeración a xeración para que nunca se perda, “porque poñer en valor o noso patrimonio: cultural, gastronómico, arquitectónico ou neste caso, vitivinícola, é o maior orgullo que podemos ter como vilamartineses, e bandeira mais grande que poidamos ondear”.

 

 

E tras un emotivo pregón cargado de orgullo pola terra, chegaba o momento das homenaxes, ao coveiro Agustín Fernández Núñez que non podía estar e recollía o seu irmán; e ao ex alcade Enrique Álvarez Barreiro “en agradecemento pola colaboración prestada”.

 

 

De seguido, ao ritmo dos Charangaiteiros e Os Parrandas, abríanse as cinco covas con diferentes petiscos para desfrute dos asistentes.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button