
Arredor das 11:10 horas deste domingo 1 de novembro producíase un accidente de tráfico no lugar de Aldea das Campiñas, no municipio ourensán de Bande. Nese momento, o 112 Galicia recibiu o aviso do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que alertaba da saída de vía dun todoterreo e indicaba que había unha persoa atrapada no interior do vehículo. Ademais, advertía da presenza dun vertido de aceite na estrada.
De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse ao GES de Muíños e aos axentes da Garda Civil de Tráfico. “Finalmente, segundo indicaron os equipos de emerxencias desprazados ata o lugar, foi necesario excarcerar a persoa, que estaba atrapada polos brazos”, segundo informa o 112 Galicia.