OurenseÚltima hora

Exitosa acollida das visitas guiadas ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil)

 

Vén de rematar a experiencia piloto levada a cabo no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil) durante os meses de xullo, agosto e na primeira quincena de setembro. Rubén Montero, o guía que foi seleccionado polo Concello para facelas, ten o Grao en Xeografía e Historia , o máster en profesorado e o B1 de Inglés ademais de formación en información na contorna dixital e contaba cun contrato de tres meses con cargo a fondos de Reto Demográfico.

Tras esta experiencia, Montero amosaba a importancia que para el tivo ensinar e explicar a maxia deste lugar, o que repercute de xeito importante na mellora da calidade turística, mesmo sometendo a consideración do Concello o feito de que para o próximo verán as visitas duren máis tempo o que permitirá un maior desfrute da experiencia.

A dicir das enquisas feitas aos visitantes, que nas visitas guiadas foron 3.659 persoas, o guía dispuña de moitos coñecementos e capacidade de transmisión e a maioría afirman que se notaba que lle gustaba o seu traballo.

Por iso di o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, que “cando un atopa un bo técnico en calquera ámbito é un acerto pero, se ademais lle pon cariño ao que fai como neste caso Rubén, o resultado é inmellorable. Este Concello segue a coidar a calidade no turismo especialmente no buque insignia que é Santa Cristina”.

Back to top button