ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Exitosa degustación de Porco Celta na Praza de Abastos do Barco

 

Na mañá deste venres 12 de decembro, en plena tempada de Nadal, o Porco Celta volvía ser protagonista no Barco de Valdeorras, cunha exquisita degustación organizada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), en colaboración coa Deputación de Ourense e Cociñeiros Ourense en distintas prazas de abastos da provincia.

A iniciativa, enmarcada na segunda fase da ruta “Mercado en Rural con Porco Celta” contou coa participación do chef ourensán Alberto Fernández, responsable do restaurante Pallabarro de Allariz, que sorprendía ao público con dúas elaboracións nas que tradición e innovación se darán a man, “Croqueta de lacón de Porco Celta con grelos” e “Bao de chuleta de Porco Celta, repolo e mencía”.

 

 

“Mercado en Rural con Porco Celta” intégrase na campaña de promoción “Tan noso”, coa que Asoporcel rende homenaxe á identidade, á terra e á cultura galega. Cunha traxectoria de máis de 25 anos na recuperación e posta en valor da raza, a asociación procura destacar o Porco Celta como símbolo de compromiso co territorio e coa nosa gastronomía.

Ademais do cociñeiro e a representación de Asoporcel, na degustación do Barco participaban o alcalde do Barco Aurentino Alonso, a concelleira de Turismo e Comercio Alba Rodríguez, Bernardino Domínguez en representación do Inorde e Raquel Méndez, gandeira de Rubiá e vicepresidenta da asociación que falou do seu papel como criadora de Porco Celta e tamén como empresaria, facendo un chamamento ás Administracións para potenciar a gandeiría extensiva, “clave para coidar e manter o monte limpo”.

A música ambiente corría por conta de Dj Repunante.

 

 

 

Mañá a degustración será na Praza de Abastos do Carballiño, de 12 a 13:30 horas.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button