Deliciosos produtos de calidade, acompañado de viños de Larouco amparados pola Denominación de Orixe Valdeorras, nun percorrido pola zona fermosa antiga da vila, de adega en adega, animado pola música de diferentes agrupacións. A Vitis Lumen Larouco resultaba todo un éxito. Unhas 500 persoas participaban, a partir das 18:30h. da tarde deste 8 de agosto na primeira edición desta interesante e diferente ruta enogastronómica, por un prezo de 20 euros.
Era un percorrido entre viños, acompañados de diversos e riquísimos petiscos, por unha ducia de adegas da vila de Larouco: Matitan, Luri, M. Ramos, a do Xenxo, O Perfecto Casiano, Bimba, María A Sardiñeira, Bombo, Sempr3 Larouco, Chimpa, Bigotes e A Teixeira. E, ademais de petiscos salgados, non faltaba, xa ao remate, un doce: o da bica da localidade acompañada de licores.

Ademais, entre adega e adega, podían facerse ata cinco paradas, ademais, para saborear Galicia “descubrindo os produtos galegos de calidade diferenciada”. Así, no traxecto entre as adegas podía participarse en degustación de produtos cárnicos (chourizo, salchichón e xamón curado de Porco Celta co selo de Artesanía Alimentaria con pan da IXP Pan de Cea e IXP Pan Galego; Queixos e meles premiados das catas de Galicia cos distintivos de DOP Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro, San Simón da Costa, IXP Mel de Galicia; petiscos das carnes da IXP Ternera Gallega con pementos do DOP Pementos de Herbón; empanada de Lacón galego e IXP Grelos de Galicia; e xeado artesano de amorodo con arandos, sen glute e sen lactosa, requeixo con marmelada, acompañados con galleta.


Está ademais prevista unha fin de festa “cunha exhibición de pompas de xabón con música é outra forma de empezar unha festa con cor, diferente e confiemos en que nos guste igual que nos gustou onte a actuación de Lucía Pérez e Tropicalia”, tal e como avanzaba a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, que amosaba a satisfacción da organización por como está indo esta primeira edición de Vitis Lumen Larouco e tamén agradecía a colaboración de todos os que a fixeron posible.
“Resultou todo moi emocionante, todo o mundo está contentísimo e creo que máis satisfeita non podo estar, levamos unhas 500 entradas vendidas Estou moi agradecida a todos os que colaboran, aos que ofreceron a súa adega, aos que están traballando levamos unha semana moi intensa e cansos pero felices”, dicía en declaracións ao Periódico O SIL.

A organización contaba tamén coa colaboración dos voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Larouco, A Rúa, Petín e Manzaneda.


A rexedora de Larouco comentaba ademais que outra cita de referencia será o concerto da gaiteira Susana Seivane o vindeiro 13 de agosto no Castrillón. “Estamos a poucos días de celebrar o aniversario do lume infernal que vivimos en Valdeorras e que comezou aquí e nós ese mesmo día, o día 13 imos ter un concerto de Susana Seivane que servirá de aniversario para celebrar que somos unha comunidade estupenda, que vivimos un momento moi malo. Larouco viviu seis días horribles e imos celebrar que seguimos aquí, con ganas e como comunidade somos impresionantes”.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.


