Na tarde do sábado 22 de novembro, trala misa, a igrexa paroquial Nosa Sra. de Fátima, en Fontei (A Rúa), acollía un aplaudido concerto a cargo do músico e compositor galego Xoán Curiel, que presentaba en directo o seu novo disco, Treides comigo! un traballo discográfico de madurez que bebe da lírica medieval galego-portuguesa dende unha mirada contemporánea.
Unha hora de concerto rico en matices con músicos de gran nivel da música clásica, do folk e das músicas do mundo (Xoán Curiel, guitarras e voz; Iris Gey, voz; Virginia Lis, clarinete, Álex Salgueiro, frauta traveseira e frautas; Carlos Freire, percusión; e Ariel Ninas, zanfona), no que se interpretaron cantigas actualizadas de diferentes trobadores da lírica medieval galego-portuguesa (séculos XII a XIV) e dos Camiños de Santiago.

Esta actuación estivo promovida pola Consellería de Cultura e polo Concello da Rúa.
Fotos e vídeo cedidos.