Polos vieiros do ancestral, do simbolismo e da primitiva relación entre home e natureza camiña a exposición “Acutifados polo vento”, que poderá visitarse ata o 24 de maio na Galería Dodo Dadá de Ourense. Espantallos, máscaras e rituais, fotografía e escultura conviven nun proxecto expositivo que une ao etnógrafo e poeta Emilio Araúxo e ao escultor Candido Caneiro.
Araúxo “elixe o espantallo, ese corpo de palla e roupa vella, como máscara do despoboamento do rural galego. Un corpo que non é corpo, que garda oco por dentro, que fita os campos baleiros coa mirada de quen non ten ollos. Significante do dó, de quen sente o baleiro na boca do estómago. A dor do esquecemento, da soidade, da marxinación. Un espectro derridiano, que só existe na súa propia desaparición. O espectro (des)aparece. A presenza é unha ferida de ausencia”, conta nun texto sobre a mostra a psicóloga Marta García.

Por outra banda, Caneiro escolle as máscaras, que “vencella coas cerimonias ancestrais, relixiosas e espirituais que conectan home e natureza, co desemellante. Aquel rito antigo no que a máscara non oculta, senón revela. Permitindo ao humán habitar por un intre o territorio do Outro. Que foron
(des)aparecendo e retornan a nós no noso benquerido Entroido, esa festa onde o mundo ponse do revés, onde os espectros da tradición, a pantasma do pasado, a risa e o medo fúndense nunha mesma
danza”, engade Marta García.

En definitiva, “Acutifados polo vento” é un convite a explorar que se lanza dende o mesmo título. “Acoutifados é unha palabra propia da Terra de Castro Caldelas que significa movidos, empurrados. E con ela buscaba plantexar xa un enigma”, explica o etnógrafo Emilio Araúxo, que na mostra expón 63 fotos de espantallos, acompañadas por 7 caretas talladas en madeira por Cándido Caneiro e por unha das súas esculturas, “Príapo”.
“O tema das caretas interésame moito, primeiro polo Antroido, pero tamén porque ao esculpir non me gusta facer corpos figurativos, pero si me gusta este tipo de caras, que levan a outras interpretacións, con certa personalidade, que conducen cara o místico, ao fetichismo… E xogando co tema do transformismo e da tradición unímolas nesta mostra cos espantallos”, comenta Caneiro.
Trátase dunha singular e insólita proposta que engarza o visual, o escultórico e o espiritual para afondar na nosa memoria e tradicións.
Fotos da galería: Eva Ragnarok.
Resto de imaxes: cedidas por Cándido Caneiro.
