
Segundo informaba esta mañá pola Consellería do Medio Rural, con datos actualizados ás 9h., dende as 01.31 horas desta madrugada está extinguido o incendio forestal do concello do Bolo, parroquia de Vilaseco, no que se desactivou a Situación 2 decretada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, medida que se tivo que reactivar na tarde do venres tras empeorar as condicións meteorolóxicas.
Este lume, que se rexistrou o xoves ás 23.47 horas, afecta afectou finalmente unha superficie de 273 hectáreas, das cales 192 se corresponden con monte raso e 81 con arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 42 brigadas, 26 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 11 avións. Neste incendio mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Por outra banda, vén de iniciarse un novo incendio forestal na provincia. Desde as 05.09 desta madrugada permanece activo un incendio forestal no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo. Segundo as primeiras estimacións, afecta arredor de 1 hectárea dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse 1 axente, 5 brigadas e 3 motobombas.
Incendios na provincia de Lugo
Pantón-Pombeiro. Activada Situación 2
Ás 14.16 horas do pasado xoves iniciouse o incendio forestal rexistrado no concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva. Segundo as últimas medicións tomadas dende o terreo afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 17 técnicos, 105 axentes, 133 brigadas, 86 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 12 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Fonsagrada-O Torbo
Desde as 02.25 horas de onte sábado permanece activo un incendio forestal no concello da Fonsagrada, parroquia do Trobo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 11 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.
Controlado Barreiros-San Xusto de Cabarcos
Segue controlado desde o pasado martes 16 ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 8 técnicos, 85 axentes, 118 brigadas, 94 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 2 avións.