CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Extruga na Rúa o 19 de xullo: Cultura urbana, deporte, música e gastronomía, en Verín

 

A vila de Verín prepárase para acoller unha nova edición do Extruga na Rúa, o festival de referencia da cultura urbana no sur de Galicia, que este ano celebra a súa sétima edición cunha programación diversa, gratuíta e aberta a toda a veciñanza.

A presentación do evento tivo lugar esta mañá na Casa do Concello, a cargo de Hugo Salgado, membro da organización, e Samanta Barreira, concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, quen destacou «o compromiso do Concello con iniciativas culturais que conectan coa mocidade e co tecido creativo local e galego».

«O Extruga na rúa é xa unha cita consolidada no calendario estival de Verín, que combina deporte, arte, cultura urbana, gastronomía e lecer nun ambiente de convivencia interxeracional», salientou Barreira.

A xornada terá lugar o sábado 19 de xullo, dende as 11:30 da mañá ata ben entrada a madrugada, e converterá as prazas, rúas e espazos emblemáticos da vila nun auténtico escaparate de música, arte urbana, deporte e convivencia. Como novidade destacada, todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto, reforzando o carácter inclusivo e comunitario do festival.

Un programa diverso e para todos os públicos

O día comezará ás 11:30 horas cun escape room urbano na Praza do Concello da man de Camiñando Cara Atrás. Ao mediodía, a Praza Maior acollerá un obradoiro de break dance (12:00–14:00) para público infantil e xuvenil. A música arrancará co ambiente da sesión vermú no Bar Zurria (12:30–15:00) a cargo de Revolutionary Brothers ft. King Konsul.

A partir das 17:00 horas, a zona verde de A Preguiza converterase no epicentro do movemento urbano con:

  • Obradoiro de parkour (17:00–20:00 h)
  • Competición Liga Xunta Break (17:00–20:30 h)
  • Workshop de Livrecorte (18:00–20:00 h)
  • Xogo de sacos para os máis pequenos (18:00–20:30 h)
  • Batallas de freestyle da Ceiba Rimas (18:00–20:30 h)
  • E un mercadiño urbano con foodtrucks (16:30–04:00 h)

O Escenario Principal acollerá a partir das 20:45 as actuacións musicais dunha selección de artistas que representan o mellor da escena urbana actual:

  • Ceiba Rimas (Final) – 20:45–21:00 h
  • 9 Louro – 21:00–21:30 h
  • Kid Mount – 21:40–22:10 h
  • Largo da Cumbia – 22:20–23:10 h
  • Pappaquino – 23:25–23:55 h
  • El Virtual – 00:10–01:00 h
  • OBF & Sr. Wilson – 01:10–02:50 h
  • Gea – 03:00–04:00 h

Back to top button