
A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) vén de comunicar, “con enorme tristeza, o falecemento da nosa querida presidenta Marisol, ocorrido na mañá de hoxe”.
Esta organización resalta que “a súa partida deixa na CEO un baleiro inmenso. Marisol foi máis que unha representante empresarial: foi unha muller íntegra e traballadora, comprometida coa nosa misión e coa defensa dos intereses do sector empresarial. O seu incansable labor, a súa visión estratéxica e a súa calidade humana marcaron unha pegada indeleble na nosa organización, pois baixo a súa presidencia, Marisol soubo unir vontades, impulsar proxectos e afrontar con determinación os retos que se nos presentaron como colectivo”.
Así mesmo, a CEO sinala que “nestes momentos de dor, unímonos no recordo e agradecemento por todo o que nos entregou. Acompañamos con afecto á súa familia á que enviamos un profundo abrazo, e unímonos ao pesar de amigos e a todos quen tivo o privilexio de coñecela e traballar ao seu lado”.
A organización finaliza asegurando que “o seu legado permanecerá vivo en cada un de nós e no camiño que xuntos seguiremos percorrendo”.