ConcellosO BarcoÚltima hora

Falece Florentina García “Florina”, docente de lingua durante moitas décadas no Barco

Foi a primeira muller en ser directora do Instituto Martaguisela desta localidade

 

Chegaba na súa mocidade ao Barco para realizar unhas prácticas como profesora e xa nunca deixaría esta localidade. Florentina García Galán “Florina”, de orixe asturiana, decidía asentarse nesta vila valdeorresa onde coñecía a Antonio Melo Fernández, con quen contraía matrimonio en 1959 e formaba unha familia. Tiñan tres fillos: Margarita, Antonio (Cholas) e Covadonga.

E iso sen deixar a docencia, centrada nas materias de Latín, Grego, Lingua e Literatura. Comezaba impartindo clases na Academia Dequidt, logo no Colexio Divina Pastora e, finalmente, no IES Martaguisela do Barco, onde se xubilaba. Ao longo das décadas formou a multitude de mozos e mozas, tanto de Valdeorras, como de zonas próximas. Ademais foi a primeira muller en ser directora do IES Martaguisela.

Era unha persoa moi familiar e, recentemente, reunía, xunto co seu esposo, a súa familia para celebrar o  67º aniversario de vodas. Florina falecía neste 3 de marzo aos 94 anos. A súa capela ardente está instalada no Tanatorio Santa Rita do Barco.

A súa familia, amigos e veciños daranlle o seu último adeus nun funeral previsto para o mércores 4 de marzo ás cinco da tarde na igrexa de San Mauro do Barco. Posteriormente terá lugar o sepelio no cemiterio municipal.

Back to top button