
Unha persoa perdía a vida esta madrugada despois de sufrir un accidente de tráfico no concello de San Cibrao das Viñas. O sinistro, que consistiu nunha saída de vía, tivo lugar no quilómetro 227 da estrada OU-525, ao seu paso pola parroquia de Noalla. A saída da vía producíase pola marxe dereita, tras impacto con glorieta e, posterior volco, do turismo, segundo a Garda Civil.
“A alerta inicial saltou no 112 Galicia arredor das 06:20 horas a través do aviso dun smartphone. Malia que os xestores de emerxencias tentaron establecer contacto co propietario do teléfono sen éxito, minutos despois o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaba a existencia dunha saída de vía no punto indicado polo dispositivo”, tal e como informa o 112 Galicia.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse aos Bombeiros de San Cibrao, ao GES do Pereiro de Aguiar, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén se desprazaba ata o lugar o Equipo de Investigación de Ourense.
“Unha vez no lugar do accidente, os equipos de intervención comprobaron que a vítima era o único ocupante do vehículo e que se atopaba atrapada no interior. Tras proceder á retirada das portas traseiras para acceder ao habitáculo e liberar o corpo, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa”, tal e como indica o 112 Galicia.