
Fondo pesar en Viana do Bolo tras coñecerse a nova do falecemento do empresario e apicultor Jesús Vizcaya Prieto “Xus”. Era unha persoa moi querida e coñecida neste municipio e tamén na contorna, onde apostou por impulsor o comercio local e por poñer en valor produtos da terra, poñendo o foco no mel.
Descendía dunha familia panadeira, e el continuou no mercado seguindo a rama da pastelería. Segundo pasaron os anos foise adentrando no mundo da apicultura e pouco a pouco na transformación de mel, creando toda unha gama de produtos que non existían mercado. Así foi o creador dos deliciosos “vianos” (bombóns de mel), mel con noces tostadas, mel con abelás tostadas, mel con almendras tostadas, mel enxebre,o trevo de mel… Desenvolveu o proxecto Pazo do Mel, foi e mesmo puxo en marcha iniciativas novidosas como o apadriñamento virtual de colmeas.
Casado con Concepción Somoza “Conchita”, era pai de tres fillos: Jesús Manuel, Samuel e Marco Antonio. Na súa faciana empresarial, estivo ademais á fronte da Asociación de Comerciantes e Industriais de Viana do Bolo (Acivi), a cuxa presidencia accedía no ano 2005, e onde se mantivo durante varios mandatos. Esta entidade promovía actividades como a feira da castaña e do cogomelo ou a mostra dirixida a promocionar produtos locais.

Por outra banda, Jesús Vizcaya implicouse na vida política do seu concello, onde foi edil durante varias lexislaturas. A así o lembraba esta mañá o Concello de Viana, a través dun comunicado no que lamentaba a súa perda. “Dende o Concello de Viana do Bolo, a Corporación municipal e traballores e traballadoras, queremos expresar o noso máis fondo pesar polo falecemento de Don Jesús Vizcaya Prieto, coñecido e querido por todos como “Xus”. Neste momentos de tanta dor, o Concello quere trasladar as súas máis sinceras condolencias, afecto e solidariedade á súa familia, amigos e achegados, acompañándoos no sentimento ante tan irreparable perda”.
Jesús Vizcaya falecía o domingo 12 de xullo aos 75 anos de idade. A súa capela ardente estará instalada a partir das 15h., deste 13 de xullo, na Sala 1 do Velatorio La Soledad de Viana do Bolo.
A súa familia, amigos e veciños poderán darlle o seu último adeus nun funeral que está previsto para as 20h. deste 13 ás 20h. na igrexa parroquial de Viana do Bolo.
