
Na mañá deste venres 17 de outubro producíase un accidente mortal na Rúa. “Un home falecía tras ser alcanzado por un tren”, segundo indican dende o 112 Galicia, explicando que “a primeira hora desta mañá os equipos de emerxencia desprazados só puideron confirmar o pasamento da persoa”.
O accidente producíase arredor das 07:30 horas, “cando o persoal de ADIF contactou co 112 Galicia para informar de que un tren acababa de atropelar a unha persoa á altura do quilómetro 50 da OU-533. Na mesma comunicación, xa indicaban que o home podería estar falecido”, explican dende o 112.

Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Valdeorras, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da Rúa.
A consecuencia do suceso, interrompíase a circulación ferroviaria entre A Rúa-Petín e Montefurado “mentres os efectivos traballan na zona”, aseguran.