
Novo accidente mortal na provincia neste fatídico venres 24 de abril, desta volta no municipio de Viana do Bolo. Tal como indican dende o 112 Galicia, “un home falecía tras sufrir un accidente de tractor nunha pista de terra de difícil acceso localizada no lugar de Bouza, en Pixeiros”.
Foi o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quen, minutos antes das 19 horas, informou ao 112 Galicia deste sinistro. “Desde un primeiro momento, os alertadores sinalaron que o implicado podía estar falecido”, din, explicando que os servizos de emerxencias “tiveron que actuar para liberalo, xa que se atopaba atrapado por unha roda e só se puido confirmar o seu falecemento”.
Neste operativo participaron, ademais dos servizos sanitarios, o GES da Gudiña, os axentes da Garda Civil e a Policía Local de Viana do Bolo. Ata o lugar tamén acudía o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila.
Foto cedida.